SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, demanda ao Goberno do Estado que Galiza reciba o 8,2% das
vacinas que se distribúan por parte do Ministerio de Sanidade até completar a
protección de todas as persoas maiores de 80 anos, por ser esta a porcentaxe de
poboación nesta franxa de idade, o colectivo
que é agora prioritario dentro da planificación establecida no proceso de
vacinación.
“Se o
Ministerio de Sanidade envía esta semana 200.000 doses, por poñer un exemplo,
Galiza deber recibir 16.400 vacinas, nin unha menos, para non discriminar aos
nosos maiores, e esas vacinas teñen que ser das que se poidan aplicar a este colectivo,
polo tanto, non se pode ter en conta as doses que se envíen de AstraZéneca que, desde logo, son moi ben
recibidas pero que non son aplicables as persoas maiores e polo tanto non se
poden computar nesa porcentaxe do 8,2% que lle corresponden a Galiza nesta fase
da vacinación”, explicou a líder nacionalista en rolda de prensa.
Pontón indicou
que, até agora, Galiza recibiu menos doses das que lle correspondería pola súa
porcentaxe de poboación, pero que o BNG non fixo ningún tipo de crítica ou
reclamación porque o colectivo a vacinar eran as persoas usuarias e
traballadoras das residencias, que neste país está por debaixo da media
estatal. “Pero agora entramos nunha fase na que a situación é a contraria pois
temos unha porcentaxe de poboación maior de 80% superior á media e, por tanto,
as vacinas que recibamos deben ter en conta esta realidade”, argumentou.
A líder
nacionalista lamentou que o Goberno da Xunta sega sen dar a coñecer cales son
os medios extraordinarios contratados e postos a disposición do proceso de vacinación,
máxime coa vista posta no momento en que deixe de haber problemas no
subministro do antídoto.
En relación á
evolución da pandemia, a portavoz do Bloque valorou a mellora da situación cuns
datos que indican que está superada o peor da terceira onda, pero subliñou que
aínda hai 146 persoas na UCI e que son xa 2.176 as persoas falecidas, máis da
metade en apenas tres meses. Ao que se suma a aparición de novas cepas ás que
os expertos atribúen unha maior capacidade de contaxio.
Neste contexto,
Pontón insiste en actuar con prudencia e non baixar a garda. “Hai que ser moi
cautos á hora de tomar medidas ante unha
eventual desescalada para evitar unha cuarta onda que sería o peor escenario”,
alegou, despois de trasladar o seu recoñecemento aos profesionais da sanidade
polo esforzo e ao conxunto da cidadanía que, pese ao esgotamento pandémico,
segue mostrando un comportamento maioritariamente exemplar.
En relación á
posición do BNG en relación a Lei de
Saúde que será debatida no pleno do Parlamento, a nacionalista avanzou que
o seu grupo “non pode apoiar unha lei que non vai aportar solucións na loita
contra a pandemia e que, por contra, crea problemas onde non os hai. Ante unha
crise sanitaria, que tamén deixa unha crise económica e social sen precedentes
en tempos de paz, a resposta dun goberno non pode ser multas e sancións”,
alegou.
Preguntada
polas críticas de Feijóo ao seu xefe de filas tras o resultado das eleccións
catalás, Pontón indicou que unha nova entrega “desa especie de culebrón
Feixóo-Sánchez, un culebrón que aburre aos galegos e as galegas, e penso que o
problema é que Feixóo parece estar máis pendente das conspiracións dentro do PP
que de facerlle fronte á pandemia”. Ao BNG, indicou, “o que lle preocupa e que
Galiza teña un goberno ao 100% e non a un presidente mirando de reollo se pode
dar un paso máis neste culebrón que, sinceramente, nos ten aburridos e
aburridas”.