El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Deportes

CICLISMO| SUPERMERCADOS FROIZ

Carmella Silva: "O Froiz é un equipo que a xente sente como propio"

16-04-2021 16:30:08
Presentación do Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

PONTEVEDRA | A escalinata exterior do Pazo Provincial volveu converterse hoxe no escenario da presentación da nova temporada, a 33ª, do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, un equipo  que, como subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é capaz de facer equipo coas institucións e con toda a cidadanía”. Neste  arranque do novo curso, os seus ciclistas e o corpo técnico do club, que dirixe Evaristo Portela, estiveron arroupados, amais de Carmela Silva, polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, así como polo Goberno provincial en pleno.

Ao acto, no que tamén estiveron o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e o tenente de alcalde de Pontevedra, Agustín Fernández, asistiu tamén o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o ciclista Óscar Pereiro e a responsable de Márketing do Grupo Froiz, Brígida Nieto, en representación de Magín Froiz, quen non puido participar nesta ocasión. Ademais, contouse con representantes do Subsector de Tráfico de Pontevedra en recoñecemento á súa colaboración.

A recepción ao Froiz foi tamén a ocasión para a sentida homenaxe a Guillermo Sande Covelo, o seleccionador galego de ciclismo falecido o pasado mes de xaneiro. As súas irmás María del Mar e Nuria recibiron un recoñecemento público coa entrega de ramos de flores e un agasallo institucional por parte de Froiz e da Deputación.


Alfombra vermella 

A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou a relevancia que a Deputación concede á presentación anual do Supermercados Froiz, “un equipo que o merece porque fai grande ao deporte”: “facémolo con alfombra vermella, que lembra aos premios Óscar porque estamos moi orgullosas e orgullosos de vos”, indicou. “O Froiz é o equipo que a xente sente como propio; ten principios e valores; está claro que quere gañar, pero é máis que iso, é o amor ao deporte e traballo en equipo”. A presidenta concluíu que, á vista da calidade humana e deportiva do proxecto que lideran Magín Froiz e Evaristo Portela, “o futuro é do Froiz!”. Carmela Silva, que destacou o enorme potencial do deporte na provincia, tivo tamén unha lembranza emocionada para Guillermo Sande: “hai xente inesquecible, que non se vai, que non di adeus porque constrúe sociedade” e agradeceu diante das irmás do falecido seleccionador a súa pegada na promoción do ciclismo feminino: “como muller e feminista fágolle un recoñecemento moi particular a alguén que tivo esa mirada”.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou a potencia da cidade como referencia deportiva e aludiu á organización de campionatos deportivos de ámbito mundial como fórmula de  achegar ao público aos deportistas de elite, pero tamén para xerar dinamización económica e promoción. Lores non dubidou en cualificar ao GD Supermercados Froiz como “o mellor equipo ciclista do amateurismo do Estado español, e tamén de Portugal”. Finalmente, indicou que este proxecto deportivo foi posible porque hai xente que dedica a elo “boa parte da súa vida”. Pola súa banda, o secretario xeral do Deporte, Xosé Manuel Lete, agradeceu o apoio ao deporte nas categorías inferiores citando a Rousseau: “o que se ama na infancia se garda no corazón”. Subliñou o matrimonio deportivo entre Magín Froiz e o equipo ciclista e recalcou que o ciclismo é un dos deportes máis inclusivos.

Finalmente, o director do Froiz, Evaristo Portela, prometeu traballo duro durante esta nova temporada. “Puxemos tódalas ferramentas posibles e estamos a traballar ao máximo nivel como un equipo profesional”. Ao seu xuízo, a clave do éxito é “a felicidade e o ambiente que se respira no grupo”. Engadiu que a vitoria máis grande é o compromiso e asegurou que para gañarlle nas estradas ao Supermercados Froiz “haberá que pelexar moito, moito”.


Equipo “internacional"  

O plantel do GD Supermercados Froiz compite en categoría amateur pero adéstrase e vive como un club de elite. Este ano estrea unha nova sede no Campo da Torre, en Pontevedra que supón un salto cualitativo na atención aos deportistas. Un dos éxitos do equipo reside en lograr o equilibrio de forzas mantendo a catro ou cinco corredores de primeira liña e unha coidada selección de sub-23. O equipo que hoxe se presentou na Deputación está integrado por  17 ciclistas de tódalas procedencias, incluíndo un británico, un colombiano nado en terras inglesas, ou un arxentino que se combinan con outros corredores chegados dende Granada, Valladolid, Ávila, Aranjuez, Asturias ou Navarra, entre outros puntos de España. 

A presentación oficial serviu para confirmar o papel do Froiz como plataforma para o acceso ao ciclismo profesional, como demostra o caso de Samuel Blanco que, despois dos seus trunfos do ano pasado na Vuelta al Tajo e no Campionato de España amateur deu ao salto á elite no equipo profesional Tavira, de Portugal. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias