El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

CANCRO HEPÁTICO

Desvelan datos xenómicos que poderían axudar a diagnosticar o cancro hepático ata dúas décadas antes de que se manifeste

25-11-2021 11:19:50
Grupo de investigación da USC.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | Anticiparse á aparición do cancro de fígado, ata en dúas décadas, para acometer a mellor abordaxe terapéutica é o último achado do grupo de investigación da USC Xenomas e Enfermidade no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). O descubrimento, cuxos detalles acaban de ver a luz en Nature Communications,  fíxose no marco dun consorcio internacional (Pan-Cancer) integrado por equipos de Inglaterra, Xapón e España, que utiliza avanzadas tecnoloxías de secuenciación do ADN para conseguir describir unha nova vía de formación de tumores como consecuencia da actividade do virus VHB, e o seu comportamento xenético, coa formación de tumores. O avance podería facilitar o diagnóstico precoz da enfermidade e axudar a deseñar estratexias terapéuticas máis eficaces.  

O 4% da poboación mundial está infectada polo virus da hepatite  B (VHB). O 20% dos e das enfermas acabará morrendo por mor de cirrose ou cancro de fígado, un dos poucos tipos tumorais cuxa taxa de mortalidade prevese que siga aumentando nos próximos dez anos. Sábese que o cancro hepático desenvólvese habitualmente nun fígado enfermo, pero falta afondar en como é posible que unha infección por un virus poida derivar en cancro. 

Dende hai décadas coñécese que, durante a infección, como parte do seu ciclo natural,  VHB introduce o seu propio material xenético –o seu manual de instrucións– dentro das células do fígado humano. “Iso é o que lle permite seguir producindo copias de si mesmo e estender a infección. Este proceso, que é común a moitos outros virus, pode en ocasións rematar coa integración do ADN de VHB dentro do ADN humano, de igual modo ao que ocorre cando engadimos un par de elos máis a unha pulseira que nos aperta”, sostén a primeira autora do artigo, Eva  G. Álvarez.  “Estas integracións do ADN do virus poden ser prexudiciais per se, pero por si soas non permitían explicar como  VHB promove a formación de tumores”, engade a investigadora.


Descifrar o ADN   

Froito dunha investigación de varios anos e do traballo conxunto desde centros de Inglaterra, Xapón e España, conseguiuse achegar certa luz a estas incógnitas. Neste estudo, no que se abordaron 296  carcinomas de fígado, describiuse un novo fenómeno que podería estar detrás do inicio e da progresión destes tumores. “Utilizando tecnoloxías punteiras de  secuenciación de ADN, comprobamos que, con frecuencia, as integracións do ADN do virus están a mediar alteracións no xenoma das células  hepáticas. É dicir, no noso xenoma, adxacentes ao lugar en que se integra o ADN viral, vemos outro tipo de anomalías –como perdas do ADN nativo ou fusións entre cromosomas diferentes– que, en última instancia, fan que se perdan xenes protectores contra o cancro”, segundo explica a investigadora da USC e coautora do artigo, Paula Otero. Por tanto, sería a ausencia destes xenes, que en condicións normais evitan que as células se dividan  sen control, a que podería estimular a formación do tumor.


Ir por diante da enfermidade 

Uno dos descubrimentos máis sorprendentes foi poder demostrar que estes feitos ocorren de maneira moi temperá, ás veces mesmo dúas décadas antes de que se diagnostique o tumor. Por iso, segundo Paula Otero, “cremos que estes achados poderían facilitar o diagnóstico precoz da enfermidade, e tamén axudar a desenvolver estratexias terapéuticas máis eficaces”. 

As liñas de traballo deste grupo de investigación liderado polo profesor da USC José Tubío, tamén asinante do artigo, pasan no futuro por ir un paso máis alá e estudar a integración de VHB en tecidos  pre-tumorais, é dicir, en fígados infectados por VHB nos que aínda non se desenvolveu o tumor. “Isto permitiranos ver o momento exacto no que estes eventos teñen lugar, caracterizalos e analizar como afectan á estrutura do xenoma. Desta maneira poderemos ter unha visión global do proceso de desenvolvemento  tumoral dende un punto de vista evolutivo”, conclúe a investigadora Eva  G. Álvarez. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias