El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | FEVE

O BNG exixe mellorar o servizo ferroviario da antiga FEVE

22-09-2022 10:59:37

MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o desmantelamento do servizo ferroviario na liña de ancho métrico, a antiga FEVE, exemplificándoo no mal estado en que se atopa a zona de acceso da estación de Xuvia, no Concello de Narón, e o recorte no persoal de atención para o control de acceso e venda de billetes. A organización nacionalista exixe a ampliación, con carácter permanente, dos servizos nesta liña e non tan só para axilizar e facilitar a mobilidade para o público que acode ao Festival Internacional de Ortigueira.  

A liña de ancho métrico, coñecida como a antiga FEVE, é a única que conta coa cualificación de servizo ferroviario de proximidade na Galiza. A pesar de que ten un gran potencial para a comunicación eficaz entre as distintas poboacións da comarca, o Goberno do Estado parece estar a desenvolver un proceso de desmantelamento dos servizos coa modificación de horarios e diminuíndo o persoal de atención para o control de acceso e venda de billetes.  

“A situación de abandono e desmantelamento faise perceptíbel no mantemento das instalacións e a contorna da estación de Xuvia, no Concello de Narón, onde até se rexistraron danos en vehículos e picadas debido ao pésimo estado da calzada” afirma o deputado Néstor Rego. De facto, mentres que o Concello de Narón indica que a propiedade dos terreos pertencen ao Goberno do Estado, este último, a preguntas rexistradas polo BNG, defende que o PXOM recolle que a competencia é municipal. “Ambas administracións teñen que aclarar a quen compete a reparación dos accesos á estación, tanto o firme, como as beirarrúas e sinais, e iniciar xa os traballos” indica Rego.  

Alén do máis, Rego demanda converter a liña de ancho métrico Ferrol – Ribadeo nun verdadeiro servizo de proximidade competitivo e adaptado ás necesidades das persoas usuarias. “Hai que apostar polo incremento de frecuencias axustadas ás necesidades de desprazamento da poboación, adecuándoas aos horarios laborais ou de estudo da poboación” afirma o deputado do BNG.  

Tamén, incide Rego, apostar por manter o persoal de atención para o control de acceso e venda de billetes, pois, debe lembrarse que debido a esta falta de atención, “moitas das persoas viaxeiras non son contabilizadas ao utilizar o servizo sen pasaxe, dato que logo é utilizado polo Goberno para alegar a falta de rendibilidade da liña”.  

“O Goberno ten a capacidade de ampliar e mellorar o servizo. Exemplo disto é a ampliación das prazas durante a celebración do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira” lembra Rego. O deputado explica que, de non rectificar no desmantelamento, estaríase promovendo o uso do vehículo privado en detrimento do transporte ferroviario como alternativa de mobilidade sustentábel e de futuro. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias