El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

A CORUÑA | IA

Dez propostas competirán na Gran Final da Eurovisión mundial da intelixencia artificial

O 4 de novembro na Coruña.

06-10-2023 16:47:44
AI Creation Day.

A CORUÑA | 10 propostas participarán na Gran Final do AI Song Contest 2023 que se celebrará na Coruña o sábado 4 de novembro. Foron 35 as candidaturas preseleccionadas entre temas de máis de 20 países. A escolla non foi sinxela para o prestixioso xurado de expertos da industria musical e intelixencia artificial. Diferentes estilos, sonoridades e xeitos de co-creación entre artistas e algoritmos representan nesta edición os diversos e creativos camiños da IA.  

Sensibilizadas polas incertezas que xiran arredor da IA e co obxectivo de concienciar os equipos e o público sobre a importancia de poñer esta tecnoloxía ao servizo das persoas de maneira ética, responsable e transparente, a organización do certame desenvolveu un novo sistema de avaliación baseado nestes valores. Ademais do procedemento habitual, analizouse o proceso, a creatividade, a canción e o método seguido por cada equipo.  

Co anuncio dos nove clasificados restantes, que se sumarán á Galicia con PAMP! ft Ana Kiro e "Florespiña", abrirase a votación ao público internacional, quen poderá elixir a súa canción favorita do 15 ao 30 de outubro. Entusiastas da IA, innovadores culturais, mentes curiosas e amantes da música por igual poderán emitir os seus puntos a través da páxina web oficial do AI Song Contest (aisongcontest.com).  

"Trátase dunha oportunidade para que o público participe directamente no concurso, escoite estas co-creacións e dea a súa opinión para determinar o premio popular, unha novidade na edición deste ano. As opcións finalistas representan o cumio da creatividade na música creada con IA, e estamos emocionadas por ver que composición cativa os corazóns do planeta", salienta John Ashley Burgoyne, representante do xurado e un dos directores do AI Song Contest.  


Award Show e AI & Creation Day  

A emoción que envolve este festival estoupará dentro dun mes en Studio Follow cunha gran gala de premios conducida en inglés, galego e castelán polas presentadoras Neves Rodríguez, Belén Rivero e Ricardo Saaverda, caras ben coñecidas da pantalla galega e estatal. Será un espectáculo que combinará actuacións en directo, conexións en remoto cos equipos participantes, festa rachada e o anuncio do vencedor ao máis puro estilo de Eurovisión.  

O programa retransmitirase para todo o mundo, con público asistente no recinto. Contará cunha ampla grella de programación: un vibrante grupo de baile tradicional galego de longa traxectoria, a participación de PAMP! -subcampión na competición do ano pasado con “AI-Lalelo”- e o electro-pop emerxente de Lontreira, cunha actuación con intelixencia artificial especialmente deseñada para a ocasión, seguindo o lema da edición "Walking with AI" (O Camiño da IA).  

Antes disto e ese mesmo día, terá lugar o AI & Creation Day no CSA da Cidade das TIC, unha conferencia que incluirá relatorios maxistrais e mesas redondas. Nela, afondarase na forma en que a IA pode contribuír á preservación das culturas minorizadas, as actuais cuestións en torno á intelixencia artificial na música e os dereitos de autor, a IA xenerativa e a ética deste tipo de ferramentas. O programa académico estará dispoñible a vindeira semana nas canles de AISC.  

O xurado contribuirá no congreso con opinións expertas sobre o panorama da IA e o seu impacto nos procesos creativos. A cita achegaralle ás persoas asistentes a oportunidade de relacionarse coas mentes máis destacadas na tecnoloxía, a música e a ética. As entradas están á venda por 10 euros e son de balde para estudantes, con opción de seguilo en streaming por 5 euros. Para vivir a experiencia eurovisiva, o público pode adquirir o seu pase dende 8 euros en la plataforma Ticket Hoy.  Toda a información sobre o AI Song Contest 2023 pode atoparse na páxina oficial e as redes sociais (@aisongcontest).  


Sobre o AI Song Contest  

AI Song Contest é un concurso internacional que amosa o potencial creativo da música xerada por intelixencia artificial. Está organizado por Stichting AISC. Dende a súa creación en 2020, AI Song Contest está á vangarda da música creada con algoritmos, fomentando a innovación e promovendo o diálogo entre artistas, persoal científico e público, unha plataforma que explora a confluencia entre IA, música e co-creación entre individuos e máquinas.  

A edición 2023 está patrocinada polo Goberno de España, Xunta de Galicia, Centro de Supercomputación de Galicia e Clúster TIC Galicia. O evento está producido por Studio Follow e Miraveo. Tamén conta co apoio de Cidade das TIC, Amsterdam Music Lab, Infinite Album, Afundación, CiTIUS, DIHGIGAL, Balidea, DataSpartan, Dinahosting, AGASOL e Consello da Cultura Galega. Ten o soporte do CITIC, AIHUB CSIC, Goldsmiths University of London, OdiseIA, Microsoft e I3D TECH. Renfe Tren Oficial é o transporte do evento, e Eurostars Hoteles o aloxamento socio. Artificia, Parque Empresarial da Grela, Confederación de Empresarios da Coruña, INEO, IGADI e CPETIG promocionan, e Nós Televisión, Quincemil, Código Cero, GCiencia, Vinte e Galicia Diario son medios colaboradores. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias