El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación distingue aos mellores deportistas da provincia

12-04-2024 21:06:29
Premios do Deporte da Deputación da Coruña.

REDACCIÓN | O Teatro Colón acolleu esta noite a segunda edición dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, nos que a institución provincial distingue publicamente ás persoas e entidades que destacan pola súa traxectoria deportiva, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva.  

Entregáronse galardóns establecidos en distintas categorías, aos que se engadiron catro mencións especiais do xurado, nun evento que reuniu a unha gran cantidade de figuras do mundo deportivo, así como tamén a centos de representantes dos clubs deportivos de toda a provincia. 

O presidente provincial, Valentín González Formoso, deulle os parabéns aos premiados e premiadas da noite e destacou a súa “dedicación, compromiso e paixón” para levar o deporte coruñés ao máis alto. “É unha honra poder acompañarvos nese camiño”, afirmou.  

Formoso agradeceu “o traballo anónimo e altruísta de miles de persoas: adestradores, directivos, voluntarios… que cada día traballan desde os clubs e entidades deportivas para que os nosos e as nosas deportistas podan adestrar, competir, alcanzar as súas metas e cumprir os seus soños”, afirmou, e destacou que a Deputación apoia cada ano a máis de 700 entidades de todas as disciplinas para promover o deporte na provincia. 

Destacou tamén a aposta o seu goberno polo deporte feminino “no que aínda temos moito traballo por facer, porque temos que seguir eliminando obstáculos nas canchas, pero tamén nos despachos” e reivindicou o apoio fundamental que supoñen as 50 bolsas que a institución provincial concede cada ano a outros tantos deportistas para participar en competicións do máis alto nivel.  

Formoso afirmou que “a Deputación está detrás de todos os grandes eventos deportivos que se celebran na provincia, pero o traballo do que estamos máis orgullosos é o que facemos cada día co deporte de base, apoiando a centos de clubs e escolas deportivas onde se forman miles de nenos e nenas, a canteira da que están a saír cada ano os novos talentos o deporte coruñés”.  

Pola súa banda, o deputado de Deportes, Antonio Leira, reivindicou aos galardoados como “os mellores embaixadores desta provincia” e destacou a importancia de “promover entre os máis novos os valores asociados ao deporte como o esforzo, o compañeirismo, o traballo en equipo ou a superación persoal”. “Valores que inspiran o noso compromiso co deporte e nos animan a traballar máis e mellor”, afirmou o deputado.  


Unha homenaxe a Arsenio, Luis Suárez e Amancio 

A Gala do Deporte comezou coa proxección dun vídeo emotivo vídeo de recordo e homenaxe a Arsenio Iglesias, Luís Suárez e Amancio Amaro. Tres figuras históricas do fútbol coruñés e do deportivismo (os tres vestiron a camiseta branquiazul), que faleceron pasado ano. 

“O seu legado e exemplo perdrura na historia deportiva desta cidade e desta provincia e inspira ás novas xeracións de deportistas”, afirmou o presidente da Deputación, que entregou un recoñecemento aos seus familiares, que recibiron unha gran ovación do auditorio.  


Premiados da gala 

O primeiro dos premios foi o de mellor entidade colaboradora, no que foi recoñecido Grupo Jrilo, unha empresa ferrolá con máis de 50 anos de historia moi implicada no tecido deportivo local e comprometida coa promoción do deporte na provincia. 

O recoñecemento ao mellor evento deportivo da provincia recaeu este ano en O Gran Camiño, que se disputa en Galicia desde o ano 2022 e clasificada pola UCI na categoría 2.1 UCI Europe Tour, o que lle aporta un gran valor de internacionalización e mediatización. 

O premio para a mellor entidade na promoción do deporte base foi para o Club de Remo Cabo de Cruz, conha traxectoria de máis de catro décadas apostando polo deporte e que representa a Galicia no escenario de máis alto nivel como é a Euskolabel Liga. 

A Fundación Abrente, creadora do proxecto ENKI, foi a entidade gañadora do premio á mellor entidade na promoción do deporte inclusivo e a eliminación de barreiras para as persoas con diversidade funcional. 

O mellor deportista veterano masculino este ano foi Iván Morales Castillo, coruñés de adopción e un dos mellores marchadores veteranos a nivel mundial, acadando dous ouros e unha prata no Campionato do Mundo baixo teito. A mellor deportista veterana foi Esther Pedrosa Carrete, campioa galega de 3.0000, 5.000 e 10.000 metros e cun palmarés no que figuran ata 19 títulos. 

As catro mencións especiais deste ano recaeron no Centro Penitenciario de Teixeiro, que conta cun gran abano de actividades e programas deportivos, constituíndo ao redor do deporte un área para a reeducación e inserción das persoas; en Caetano Horta Pombo, remeiro noiés que con 21 anos xa ten pasaporte aos seus segundos Xogos Olímpicos despois de acadar un diploma nos xogos de Tokio; o Racing de Ferrol, club que ascendeu a Segunda División no ano 2023 despois de 15 anos e Vero Boquete Giadáns, toda unha referente do fútbol feminino mundial, 36 veces internacional e cunha gran traxectoria en varios dos equipos máis importantes de todo o mundo. 

O recoñecemento ao mellor árbitro foi para Javier Iglesias Villanueva, que a temporada anterior completou a súa primeira temporada como árbitro principal de Primeira División, despois de 15 anos en Segunda e Segunda B. 

O mellor adestrador este ano foi Lino López Amado, completando un brillante ano 2023 no que o equipo Universitario Ferrol rematou a competición como líder de segunda e obtivo o ascenso directo á Liga Femenina Endesa. 

O galardón para o mellor deportista base masculino foi para Iago Fuertes Leonardo, campión do mundo de pádel con 14 anos recentemente cumpridos e natural de Narón. Pola súa banda, a mellor deportista base feminina foi Digna Silo Mangue, deportista de 16 anos que xa ostenta 16 récords de España sub 15 e 30 plusmarcas galegas na disciplina de halterofilia. 

O premio para o mellor deportista con diversidade funcional masculino recalou en Damián Ramos Sánchez, campión de Europa de ciclismo de fondo en ruta e bronce continental en contrarreloxo, ademais de acadar a cuarta praza no Campeonato do Mundo. No apartado feminino, a mellor deportista con diversidade funcional é Lorena Bermúdez Doce, deportista ferrolá con esclerose múltiple que durante o 2023 compite co equipo mixto de Basketmi Ferrol de división de honra e na primeira división de baloncesto en cadeira de rodas. 

Por último, o mellor deportista masculino foi para Víctor Senra Carreira, gañador de 7 campionatos galegos de rallies de xeito consecutivo. Na categoría feminina, a vencedora foi María Belén Toimil Fernández, a gran dominadora do lanzamento de peso en España, que no 2023 gañou todas as probas nacionais e ostenta a plusmarca nacional ao aire libre con 18,80 metros. Ademais, estará nos Xogos Olímpicos de París 2024. 

Nesta edición, o xurado dos premios estivo presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, e integrado por profesionais de referencia no campo da información deportiva como Paulo Alonso, xefe de Deportes de La Voz de Galicia; María Varela, xornalista de Deportes de La Opinión de A Coruña; Fran Hermida, responsable de Deportes de Radio Coruña-SER; Leticia Chas, periodista de Cope Galicia e Patricia Rodríguez Juste, da TVG. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias