El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Más noticias

LESTEDO | FESTA DA FILLOA

A Festa da Filloa de Lestedo obtén o título de Festa de Interese Turístico Nacional

16-04-2024 16:44:20
Foto de archivo da Festa da Filloa.

REDACCIÓN | A Festa da Filloa de Lestedo vén de obter o título de Festa de Interese Turístico Nacional. A Secretaría de Estado de Turismo remitiu esta mañá ao Concello de Boqueixón -quen cursou a solicitude impulsada pola Asociación Cultural da Filloa de Lestedo- a resolución favorable á concesión do título de Festa de Interese Turístico Nacional (FITN) para a exaltación gastronómica de referencia no municipio boqueixonés. 

Tanto a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo como o Concello amosaron a súa satisfacción por obter este título. “Esta é a xusta recompensa e recoñecemento ao esforzo realizado por parte da veciñanza de Lestedo durante máis de catro décadas”, asegura o presidente da agrupación, Xosé Manuel Canabal. “Agardamos que esta declaración sirva para ampliar as actividades promocionais e divulgativas en torno á Filloa de Lestedo, levándoa a distintos puntos da xeografía española”, engade. 

Pola súa banda, o rexedor boqueixonés, Ovidio Rodeiro, afirmou que “esta distinción ábrenos as portas á proxección da Festa da Filloa de Lestedo alén as nosas fronteiras, poñendo en valor a nosa tradición, cultura e o bo facer da nosa veciñanza”. Neste senso, indicou que desde o Concello traballarán arreo “para promocionar as Filloas de Lestedo e para engrandecer esta exaltación gastronómica que xa leva o nome de Boqueixón por todo o país”.  


Cumprimento de requisitos  

Para a declaración como FITN, a Festa da Filloa de Lestedo acreditou, a través dunha completa memoria técnica, cumprir con todos os requisitos esixibles por parte da Secretaría de Estado de Turismo para acadar este recoñecemento a nivel nacional. Entre eles, atópase a moción de apoio unánime por parte da Corporación municipal á declaración FITN, e un informe favorable emitido por parte da Axencia de Turismo de Galicia en apoio á súa candidatura. Neste senso, desde o Concello e a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo agradeceron “a colaboración e implicación” do organismo autonómico en aportar o pulo necesario para acadar a resolución favorable recibida hoxe.  

Ademais, na memoria técnica da Asociación Cultural da Filloa, realizada en colaboración co Concello, acreditáronse tanto a orixe da celebración -que comenzou a súa andaina no 1984-, o arraigo cultural, a implicación veciñal que demostra o seu desenvolvemento, así como datos sobre a colaboración establecida con diferentes entidades tanto locais como supramunicipais e doutra índole. Unhas sinerxías que contribuíron a engrandecer a celebración e a ampliar a súa programación.  

Do mesmo xeito, incluíronse os preto de medio cento de impactos que a Festa tivo en diversos medios de comunicación, xeralistas e especializados a nivel nacional, o que corrobora o interese pola celebración. Igualmente, incluíronse, entre outros aspectos, datos sobre as visitas rexistradas nos últimos anos e como esta celebración contribúe tamén á dinamización económica non só de Lestedo, senón tamén do conxunto de Boqueixón e da súa contorna. Tamén se deu conta da renovación da web (adaptada aos criterios de accesibilidade AA), ademais da presenza da Festa nas Redes Sociais. 

Concello e Asociación Cultural da Filloa de Lestedo prevén a celebración dun acto para celebrar esta declaración como Festa de Interese Turístico Nacional. Unha cita que servirá igualmente para realizar unha “xusta homenaxe a todas as persoas, organizacións, entidades e empresas colaboradoras” nun evento que nos últimos anos non deixa de medrar. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias