REDACCIÓN | A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a concesión definitiva das subvencións para os servizos de socorrismo en concellos do interior da provincia, que suporán un investimento de 303.988,75 euros para un total de 44 concellos coruñeses.
A través desta liña de axudas, a Deputación financiará os salarios dos socorristas que traballarán este verán nas piscinas, praias fluviais e outros espazos acuáticos municipais, como o Aquapark de Cerceda ou o lago das Pontes. As achegas da Deputación van desde os 3.800 aos 9.900 euros, segundo as necesidades estimadas por cada concello. As contratacións estenderanse por un máximo de tres meses.
Este programa, que se convoca cada ano, contribúe a xerar emprego durante a época estival e a manter a seguridade das persoas usuarias das piscinas públicas e praias fluviais da provincia da Coruña. Xunto co programa de limpeza de praias, contribúe á contratación de máis de 300 persoas durante a época estival na provincia. Departamento de comunicación