REDACCIÓN | O Partido Popular de Galicia acusa ao BNG de “situarse no lado incorrecto” coa súa decisión de apoiar o veto da presidenta electa de México ao rei Felipe VI e co seu apoio á ditadura de Nicolás Maduro en Venezuela, polo que esixen aos seus socios do PSdeG que lle pidan explicacións por esta “falta de respecto” a Galicia e ao conxunto de España.
En declaracións aos medios en Santiago de Compostela –acompañada polo coordinador de Acción Exterior do PPdeG, Rubén del Río, e o concelleiro compostelán Adrián Villa–, a secretaria xeral dos populares galegos criticou a “inxustificada” decisión da presidenta electa de México de non invitar ao Rei de España á súa investidura e afeou a Ana Pontón a súa presenza neste acto.
“O BNG, unha vez máis, recupera as súas ideas extremas e sitúase do lado de partidos como Sumar, Podemos, Bildu ou ERC, que só buscan ir en contra de España e das súas institucións”, afirmou ao tempo que lamentaba que o PSOE galego, en calidade de socio dos nacionalistas en moitas institucións, “non lle teña pedido á señora Pontón e ao seu partido que rectifiquen e pidan perdón aos españois por esta inxustificada aldraxe”.
Contrapuxo esta actitude coa dun PPdeG que, reivindicou, estará sempre “ao carón das institucións, do Estado de Dereito e do Xefe do Estado” ao igual que o está do pobo venezolano que hoxe protagonizará unha marcha mundial para pedir liberdade en Venezuela e o recoñecemento de Edmundo González como presidente lexítimo.
“O PSOE e o BNG deberían rectificar, deixar de situarse ao carón de Maduro e poñerse do lado dos milleiros de venezolanos que tiveron que abandonar o seu país e dos máis de 30.000 galegos e galegas que residen en Venezuela e están a sufrir a vulneración de dereitos e liberdades por parte do réxime bolivariano”, explicou.
Paula Prado concluíu neste sentido pedindo a socialistas e nacionalistas que “chamen ao que está pasando en Venezuela polo seu nome: ditadura” e que, dunha vez por todas, “se poñan do lado da democracia e non da ditadura”.