REDACCIÓN | Os órganos xudiciais galegos resolveron e recibiron máis procedementos no segundo trimestre deste ano que nas mesmas datas de 2023. En concreto, entre abril e xuño os xuíces e xuízas da comunidade finalizaron 99.679 asuntos -un 11,3 por cento máis- e ingresaron 101.088 -un 0,2 por cento máis-. A taxa de litixiosidade, é dicir, o número de casos por cada mil habitantes, situouse en Galicia en 37,34, fronte aos 41,92 de media estatal, polo que é a sexta comunidade cunha menor taxa, por detrás da Rioxa (32,26), País Vasco (33,36), Castela-A Mancha (33,80), Estremadura (34,69) e Navarra (35,85).
Todas as xurisdicións experimentaron un incremento interanual na resolución de procedementos, pero os aumentos máis significativos rexistráronse na civil -un 16,8 %- e na social -un 14 %-. O crecemento no ingreso de asuntos produciuse nas xurisdicións civil (un 2,4 %) e penal (un 0,5%), mentres que descendeu na contencioso-administrativa (un 17,5 %) e a social (6,4 %).
Ao 30 de xuño, os xulgados e tribunais de Galicia tiñan 201.949 asuntos en trámite, un 10,1 por cento máis que na mesma data do ano anterior, segundo o informe feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
Datos por xurisdicións
Na xurisdición civil o número de novos casos recibidos en Galicia ascendeu a 50.617. Entre abril e xuño finalizáronse 47.769 asuntos, un 16,8 % máis que en 2023, quedando en trámite ao final do período 116.763, o que supuxo unha subida do 14,2 %. Na xurisdición penal entraron 38.200 procedementos (265,28 de media por órgano xudicial). O número de casos resoltos no segundo trimestre ascendeu a 38.550 (un 4,7 % máis); e o de asuntos en trámite ao final do período, a 50.668, un 8,5 % máis que o ano anterior.
Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 2.234 casos entre os pasados 1 de abril e 30 de xuño. Durante ese período concluíron 2.709 asuntos, un 7,5 % máis, e quedaron abertos 7.070, un 5,8 % menos que nas mesmas datas de 2023. Por último, na xurisdición social presentáronse 10.037 novos asuntos (un 6,4 % menos); finalizáronse 10.651, un 14 % máis; e quedaron en trámite ao final de ano 27.448 un 2,1 % máis.
Datos por provincias
Entre os pasados 1 de abril e 30 de xuño na provincia da Coruña resolvéronse 35.970 asuntos e ingresáronse 37.539, un 7,4 % menos que no mesmo trimestre de 2023. Pontevedra recibiu 36.736 casos e finalizou 36.756 (15,8 % máis). Na provincia de Lugo entraron 10.461 novos procedementos e, na de Ourense, 10.386, e resolvéronse 10.155 (un 5,6 % máis) e 10.349 (16,1 % máis), respectivamente.
A Coruña e Pontevedra tiñan en trámite ao comezo do ano 84.283 e 65.976 asuntos, respectivamente, e, a 30 de xuño, quedaron abertos 86.037 (un 10,3 % máis), na Coruña, e 64.742 (9 % máis), en Pontevedra. Os xulgados de Lugo iniciaron o ano con 25.992 casos sen resolver e finalizárono con 10.155, é dicir, un 20,1 % máis que en 2023. A provincia de Ourense tiña en trámite ao comezo do ano 16.619 asuntos e, ao terminalo, 16.686, un 7,6 % máis. Datos estatísticos