El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón: "Ao PP impórtalle un bledo que arda Galiza"

23-09-2025 13:00:18
Ana Pontón.

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, considerou o veto de Alfonso Rueda e o PP á creación dunha comisión de investigación sobre a vaga de incendios proposta polo BNG “toda unha declaración de culpabilidade” pola súa nefasta e neglixente xestión dos lumes. 

“Votar ‘non’ a esta comisión de investigación é unha declaración de culpabilidade porque o señor Rueda ausente sabe que chegamos a esta catástrofe pola súa cadea de neglixencias”, criticou ao titular da Xunta, a quen afeou a súa ausencia no debate, ao que só se incorporou no tempo da votación. “Só vén aquí a votar que non”, reprochoulle.  

A portavoz do BNG defendeu a creación da comisión por unha dobre razón: a necesidade de determinar os erros na xestión do PP e propoñer solucións para que non se repita unha catástrofe destas dimensións. “A xente deste País merece coñecer a verdade, merece saber que fallou e, sobre todo, merece que se tomen as medidas necesarias que eviten que, verán tras verán, se mire con medo cara o monte buscando columnas de fume”, afondou. 

Nesta liña, reprochou ao PP que pretendera “ventilar a catástrofe cunha comparecencia” na Cámara, unha “irresponsabilidade” e unha “frivolidade” logo dunha vaga de incendios que arrasou máis de 140.000 hectáreas segundo o satélite Copernnicus, provocou o desaloxo de miles de persoas, afectou a unha parte importante da economía e levou á xente a “defender as súas casas coas súas mans” e a moitos brigadistas a xogar a vida “con medios insuficientes e, en moitos casos, sen a formación necesaria”. En definitiva, uns lumes que “de novo, desbordaron ao Goberno do PP e deixaron en evidencia a súa propaganda e a súa incompetencia política”, sintetizou. 

Pontón defendeu que, cando o País sofre unha situación así, o Parlamento “ten a obriga de actuar” e “non mirar para outro lado” nin “aceptar como normal que Galiza cada vez arda máis porque non é normal”, xa que esta catástrofe puido evitarse se o Goberno do PP tomara outras decisións e aprendera do seus propios erros. 

“É falso que isto non se puidera evitar”, negou, para referirse a continuación aos “avisos importantes” que tivera o Executivo no pasado recente, con 62.000 hectáreas queimadas e 4 persoas mortas en 2017 ou as 51.000 hectáreas ardidas en 2022. “E isto é grave, pero o que é preocupante é que non aprenderon nada”, reprobou a Rueda, ao que acusou de utilizar a súa comparecencia no anterior Pleno para seguir “punto por punto o manual de xestión de crise do PP”. 

Primeiro, botando balóns fóra, porque para Rueda todos son culpables menos o seu Executivo: as tramas incendiarias, a xente do rural que é maior e non limpa o que ten que limpar ou o Goberno central, enumerou. “Todos responsables menos o Presidente da Xunta, que ten as competencias en xestión do monte, desenvolvemento rural, extinción e prevención”, ironizou. 

E, en segundo lugar, proseguiu, o PP pasou á segunda norma dese manual de xestión de crises, “a manipulación”, tentando minimizar a catástrofe como se non pasara nada porque “total, só arderon 140.000 hectáreas”, recriminou. “Que dirían señorías do PP se arderan integramente os concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Narón, Carballo, Vigo e Santiago?”, cuestionou, para evidenciar a “falta de respecto” dos populares ao interior do País. 

“Os incendios son o maior problema ambiental que ten Galiza e se ano tras ano pasa o mesmo non é mala sorte, é un modelo que non funciona e estes lumes son o resultado das políticas do Partido Popular, de décadas de abandono do rural e dunha política forestal fracasada”, denunciou. 


O que Rueda tería que explicar 

Por iso, incidiu na necesidade dunha comisión de investigación xa que, subliñou, “a cidadanía galega merece explicacións, merece transparencia e merece coñecer a verdade”. Os galegos e as galegas, alegou, merecen saber por que cando o Executivo presentou o Pladiga era un plan perfecto que vendeu cos medios e persoal suficiente e cando chegaron os incendios, o plan era un fracaso e non contaba cos medios que se necesitaban. 

A cidadanía galega merece saber por que o dispositivo estaba incompleto en plena tempada de risco, cun Goberno do PP convocando 300 prazas en plena vaga de lumes; por que houbo motobombas paradas por falta de medios, por que as brigadas estaban incompletas o inoperativas e por que fallou a coordinación do dispositivo, enumerou. 

“Merece saber por que temos menos medios que hai 16 anos para loitar contra incendios que polo cambio climático son cada vez máis voraces”, reclamou, para engadir que a Xunta tamén debería explicar por que non aumentou o dispositivo en Ourense como recomendaban os técnicos ou por que deixou sen executar 11 millóns de euros en medidas de prevención, incluídas as franxas en parroquias de máximo risco. 

“A cidadanía galega merece saber por que en plena vaga de lumes o Presidente da Xunta non estaba no centro de coordinación senón na praza de touros de Pontevedra”, cuestionou para pedir á Cámara o apoio á comisión de investigación. “Quen vote ‘si’ estará votando a favor de Galiza e do ben común e quen vote ‘non’ votará en contra de Galiza e unicamente pensará en defender ao PP”, recalcou. 

A líder nacionalista evidenciou con todas estas preguntas sen resposta a responsabilidade política dun PP que desmantelou as medidas de ordenación do monte e prevención e loita contra os lumes postas en marcha en 2007 e, por se fora pouco, negarse a cambiar as causas que levaron ao País á situación vivida este pasado mes de agosto. 

“Ao contrario, persisten nas políticas de abandono rural ou na eucaliptización de Galiza, con proxectos que son unha bomba ambiental como Altri e non teñen ningunha alternativa real fronte aos lumes”, criticou, para subliñar que “un goberno serio aprende das crises para que non se repitan”. “Por iso é necesaria esta comisión de investigación, a mellor homenaxe ás persoas que o deron todo, aos bombeiros feridos, a todo o dispositivo de extinción e aos veciños e veciñas que arriscaron a vida para garantir que nunca máis se repita o que vivimos este verán”, argumentou para pedir o apoio á creación da comisión. 

“O pobo galego merece verdade, merece responsabilidade e merece un cambio de rumbo ante unha política forestal e rural que nos está deixando un País como o que vimos este verán”, concluíu na defensa dunha iniciativa nacionalista que, unha vez máis, non prosperou polo veto do PP. 


O PP é un perigo para o País 

Pontón recriminou aos populares que o que viñeron a dicir para rexeitar a creación da comisión é que “as cousas van a bo ritmo e na boa dirección”. “Son uns temerarios e un perigo para este País”, resumiu logo de recordar que sempre que houbo grandes incendios en Galiza, o Parlamento actuou e creou comisións nas que se analizou o acontecido e nas que se puxeron medidas alternativas sobre a mesa. 

“Evidentemente, a responsabilidade do Goberno é facer caso a estas alternativas, pero o que vemos é como ao Partido Popular é que lle importa un bledo que arda este País”, concluíu da intervención do portavoz parlamentario do PP, ao que criticou que falara de todo “menos do que pasou na vaga de lumes”. 

A portavoz do BNG incidiu na necesidade de escoitar ás persoas que están analizando o que aconteceu o pasado mes de agosto e de tomar medidas para evitar que unha situación como esta se volva repetir. Neste sentido, citou a un dos maiores expertos na loita contras os incendios en Galiza, o profesor Juan Picos, quen dixo que estes lumes “foron só o aviso do que pode pasar se non se modifican as condicións do monte”.  

“Non nos veña dentro dun ano, de dous ou de tres, cando volva a suceder, que isto era imprevisible”, advertiu á bancada do PP, á que acusou de “darlle exactamente igual” as opinións dos expertos ou que poida haber novas vagas de lumes. 

Nesta liña, recordou que a medida estrela anunciada por Rueda na súa comparecencia foi que a Xunta vai limpar as franxas de protección en concellos de menos de 10.000 habitantes. “Tiña este ano a responsabilidade de limpara as franxas nas parroquias de máximo risco, eran 23 e non o fixo, e agora pretende convencernos de que van a facelo en 2.973 parroquias, non teñen credibilidade”, evidenciou. 

Pontón tamén incidiu na “propaganda” dun Goberno do PP que anunciara estar “máis preparado que nunca” para enfrontar a época de máximo risco dos incendios e logo deixou “sós aos veciños e veciñas” de moitas localidades porque non había medios. 

“Entre outras cuestións porque o dispositivo estaba desbordado, porque non tiñan o dispositivo completo en época de máximo risco, e isto pasa ano tras ano sen que vostedes fagan absolutamente nada”, reprochou logo de lembrar que a Xunta anunciara 7.000 efectivos no dispositivo que publicitaba xa só con 3.000 en plena vaga de lumes.  

“Señorías do Partido Popular, son vostedes uns temerarios e uns irresponsables co futuro deste País”, concluíu recriminando á bancada dun PP ao que acusou de darlle igual que o futuro sexa “máis lumes” con tal de “tapar a súa incompetencia”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias