El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Formoso: "O futuro de Galicia está ligado ao rural"

30-09-2025 17:01:50
Valentín González Formoso (2e).

REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no espazo ABANCA da Coruña na ianuguración do III Foro de Activistas por un Futuro Rural, organizado polo Grupo Lence. 

No acto participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintana e a presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence. 

No seu discurso, Formoso destacou que "o futuro de Galicia está ligado ao rural" e que “o apoio ao rural non pode basearse só en discursos, senón en feitos concretos”, como os que impulsa a Deputación da Coruña a través de diferentes plans e investimentos. 

Formoso agradeceu ao Grupo Lence e á súa presidenta, Carmen Lence, a invitación a participar nun foro que definiu como “un espazo de referencia para quen cre, coma nós, que o rural galego ten futuro”. “Non cremos nun rural como un lugar para pasear as fins de semana, senón nun rural productivo no que se poda vivir e traballar”, afirmou. 


Investimentos históricos no rural cos plans da Deputación 

O presidente puxo en valor a evolución do Plan Único (POS+), a ferramenta coa que a Deputación financia obras e servizos municipais. Desde a chegada do seu goberno hai unha década, o orzamento do plan pasou de 24 millóns de euros anuais a entre 90 e 100 millóns, cun total de 834 millóns investidos en máis de 4.500 obras nos 93 concellos da provincia. 

A nivel económico e laboral, destacou tamén o Plan de Emprego Local (PEL), co que a Deputación leva investidos máis de 120 millóns de euros para a creación de 7.700 empregos, o apoio a 2.700 empresas, 4.000 autónomos e 260 proxectos emprendedores, a maior parte deles en concellos rurais a través da rede de 11 espazos coworking comarcais. 


Nova área de Mar e Medio Rural e apoio aos sectores produtivos 

Formoso salientou a creación, por primeira vez, dunha área específica de Mar e Medio Rural dentro do goberno provincial, “porque o rural non pode seguir sendo tratado como un anexo ou unha nota ao pé”. 

Neste sentido, informou de que a Deputación está a apoiar este ano 73 entidades agrarias e forestais e case medio cento de confrarías de pescadores e mariscadores, con liñas de axudas para protexer os montes, modernizar o sector produtivo e fomentar razas autóctonas de gando, entre outras medidas. 

O presidente tamén puxo o foco no potencial do rural galego como espazo clave para a xeración de enerxías renovables e para liderar unha transición sostible con impacto positivo na economía e o medio. 


Mellorar os servizos do rural para vivir nel 

Durante a súa intervención, Formoso insistiu na necesidade de garantir servizos públicos básicos, como escolas, transporte, sanidade, emprego e atención ás persoas maiores, para que a vida no rural sexa unha opción viable: “A xente vivirá no rural se lle ofrecemos emprego e servizos”, afirmou. 

Tamén advertiu dos desafíos estruturais que afectan ao territorio galego, como o minifundio, sinalando que “en Galicia hai 4 millóns de parcelas, máis que no resto de España xunta”. 

Formoso concluíu asegurando que a Deputación da Coruña seguirá apostando polo rural con feitos, defendendo que “o futuro de Galicia pasa polo desenvolvemento do rural” e que o obxectivo é construír ese futuro “da man da súa xente”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias