El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Natividade González despide a última edición das Residencias Artísticas Mariñán

24-04-2026 14:54:09
Clausuras das Residencias Artísticas Mariñán.

REDACCIÓN | O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleu hoxe o acto de despedida das Residencias Artísticas Mariñán 2026, convocadas pola Deputación da Coruña, nun encontro no que participaron a deputada de Cultura, Natividade González, así como as persoas comisarias e participantes das diferentes residencias, que compartiron a súa experiencia e o desenvolvemento creativo dos seus proxectos. 

A edición que agora remata, iniciada o pasado 13 de abril, foi a que contou cun maior número de proxectos seleccionados, pasando dos oito en 2025 aos quince nesta convocatoria, consolidando así este programa como un espazo de referencia para a creación contemporánea. 

Durante o acto, púxose en valor o papel destas residencias como espazo de apoio aos procesos de creación, ofrecendo tempo, espazo e acompañamento ás persoas participantes para desenvolver os seus proxectos en condicións axeitadas. 

Na súa intervención, Natividade González destacou que é a primeira vez que creadoras e creadores de contido forman parte deste programa e reafirmou o seu compromiso como deputada de Cultura para que «as Residencias Artísticas Mariñán sigan crecendo». «Estas residencias son todo un referente para o noso país», afirmou. A deputada salientou tamén a profesionalidade das persoas comisarias, Roberto Abuín (literatura e pensamento), Aitana Cuétara (música) e Xiana Iglesias (creación de contidos socioculturais en redes).  


Residencia de música 

Na modalidade de música participaron O Xoán Faiado (Xoán Fórneas), Gallaecia Ensemble Barroco (María José Pámpano López, Mario Braña Gómez, Elena Vázquez Ledo, Saúl Puga Amoedo, Roberto Alonso Álvarez e Marta López Fernández), Tránsito (Daniel Pardo Maroño e Carlos Guerrero Bullejos) e PAVA (Lucía Aldao, Diego Delgado, Pablo Silva e David Santos). 

Diego Delgado puxo o foco nas relacións xeradas durante a estancia, sinalando que «as persoas é o máis destacábel» e valorando «estar rodeado de persoas procedentes de distintas disciplinas». Tamén apuntou «o importante que é a experimentación e non ter unha data de entrega». Na mesma liña, Lucía Aldao subliñou a importancia de traballar sen presión, aínda que advertiu da necesidade de «non romantizala». 

Xoán Fórneas incidiu na relevancia do tempo nos procesos creativos: «equivocarnos, probar, experimentar… é fundamental», afirmou, engadindo que «cando tés ese tempo, as cousas saen moito mellor que cando directamente debes dar un resultado». Tamén salientou o equipo das residencias e resumiu a experiencia indicando que «compuxemos cancións, esbozamos as bases estéticas do proxecto… saímos moi felices». 


Residencia de literatura e pensamento 

Na de literatura participaron Javier Humberto Rodríguez Alonso, co proxecto ‘Nunca morreramos tan xuntos’, e Petra Iglesias Gallego, con ‘Disforia: unha mancha de pel allea’, desenvolveron as súas propostas, mentres que na de pensamento participaron Cristina Rodríguez Barrado, con ‘PIM PAM PUM: un entroido!’, e Carlos Fernández López, con ‘Curvas e pregos. Escuma ou Crinas’. 

Javier Humberto Rodríguez, que prepara unha obra sobre a resistencia antifascista, destacou o tempo dispoñíbel para «investigar, facer entrevistas, preparar os esquemas e os personaxes, atopar historias incríbeis na historia da resistencia deste país». 

Pola súa parte, Petra Iglesias falou do obxecto do seu proxecto, onde conflúen varias disciplinas, e que está centrado «na disforia, como problema estrutural que padecemos as persoas trans». Agradeceu as facilidades para a creación e a «linda combinación» de persoas que conviviron ao longo de varios días nas residencias. 


Creación de contidos 

Na área de creación de contidos socioculturais en redes sociais desenvolvéronse os proxectos ‘CienciA: catro pioneiras galegas’, de Yeray Folgar Cameán; ‘Cultura ao descuberto’, de Candela Lola Battiato Miñones; ‘carlotaghatos’, de Carlota Casal Ramos; ‘Séculos Escuros’, de Laura Villar Loureiro; e ‘Adochinto’, de Leticia Mayán Rodríguez. 

Laura Villar explicou que unha das finalidades da súa participación foi a investigación para o seu proxecto arredor do traxe galego, co obxectivo de «non quedar soamente co aspecto folclórico, senón darlle contexto ao proceso», e agradeceu o acompañamento recibido, que lle deu «moita seguridade». Tamén Leticia Mayán puxo en valor o tempo para deterse a analizar, investigar e reorientar o proxecto. 


Valoracións das comisarias 

O comisario das residencias de literatura e pensamento, Roberto Abuín, puxo en valor que «existan este tipo de espazos no noso país» e destacou que a convivencia ao longo de varios días favorece que «dáse convivencia artística, intelectual, créanse amizades, técense redes», algo que «é o que levamos dentro cando saímos». 

Aitana Cuétara salientou a importancia de contar con «eses procesos que tamén permitan o erro, para que poñan a súa creatividade diante e, se non funciona, que o volvan tentar», mentres que Xiana Iglesias definiu as residencias como «un bo espazo no que poder profesionalizarse un pouquiño máis», ademais dun lugar «marabilloso para se xuntar, desvirtualizar, crear sinerxías».





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias