El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Internacional

PSdeG | EURODEPUTADO

González Casares defende as solucións baseadas na natureza para loitar contra os incendios forestais

12-05-2026 20:24:23
Nicolás González Casares (3e).

REDACCIÓN | O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, avogou hoxe por adoptar solucións baseadas na natureza para facer fronte aos incendios forestais. Segundo sinalou “o coñecemento e uso da propia natureza como elemento que nos permita loitar contra o lume” é crucial nas estratexias de adaptación ao cambio climático e de combate fronte aos seus peores efectos. 

Así o afirmou durante o evento Solucións baseadas na natureza contra os incendios forestais organizado no Parlamento Europeo polo Panel sobre o Futuro da Ciencia e a Tecnoloxía (STOA), un órgano da Eurocámara do que González Casares é membro, e que reuniu para reflexionar sobre este asunto aos expertos Juan Picos, profesor de Enxeñería Forestal na Universidade de Vigo; Ragni Fjellgaard Mikalsen, científica de Rise Fire Research; Anastasia Pantera, profesora da Universidade de Atenas; Ine Vandecastele, experta en solucións baseadas na natureza a Axencia Ambiental Europea e Philippe Tulkens, xefe da Unidade de Clima e Límites Planetarios da Dirección Xeral de Investigación da Comisión Europea. 

Na súa intervención, González Casares lembrou que hoxe en día hai un crecente recoñecemento de que a prevención e a resposta fronte a emerxencias “deben ir da man” e que solucións baseadas na natureza, como a restauración forestal, a xestión sostible da terra, a silvicultura ou a protección ecosistémica “poden xogar un papel na redución do risco de incendios ao tempo que sosteñen a biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e ás propias comunidades rurais”. A este respecto, e tras lembrar que os monocultivos intensivos en eucalipto “non poden ser a normalidade dun bosque san e diverso”, defendeu que en Galicia “hai que escoitar á ciencia ante o reto climático e o desafío dos incendios de nova xeración”. 

O eurodeputado galego valorou os diferentes exemplos amosados polos expertos de como as solucións baseadas na natureza están a servir para facer fronte aos incendios forestais en diferentes partes de Europa, desde os países nórdicos á península ibérica e o Mediterráneo oriental, constituíndose como un elemento clave das estratexias de adaptación ao cambio climático. 

A este respecto, destacou as achegas do profesor galego Juan Picos, quen expuxo como a interacción entre a maior presenza de vexetación nos montes polo abandono do rural e das actividades agropecuarias e a maior enerxía na atmosfera derivada do cambio climático está detrás dos grandes incendios que están a asolar territorios como Galicia e o Norte de Portugal. 

O profesor Picos, que lembrou que os incendios non só son un problema para os que viven nos territorios afectados senón para o conxunto da sociedade –“os lumes bloquearon as comunicacións durante días en Galicia o ano pasado”, dixo– mencionou solucións como a silvicultura adaptada, a restauración do mosaico agroforestal, o control das especies invasoras ou o uso do lume preventivo en inverno, entre outras. “A escala dos incendios cambiou e o uso de solución baseadas na natureza pode axudarnos a reducir esa escala”, indicou.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias