El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

A CORUÑA | MÚSICA

O Fanzine Fest volverá situar á Coruña como un dos principais puntos de encontro da música electrónica en Galicia

05-09-2026 12:51:35
Gonzalo Castro.

REDACCIÓN | O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou onte na presentación oficial da duodécima edición do Fanzine Fest, un festival que volverá situar a A Coruña como un dos principais puntos de encontro da música electrónica e da creación contemporánea en Galicia. A presentación tivo lugar na Cervezoteca Malte Atochas, onde a organización deu a coñecer os principais contidos da edición deste ano. 

O festival celebrarase entre os días 2 e 7 de decembro cunha programación que reunirá artistas nacionais e internacionais vinculados a diferentes correntes da música electrónica, mantendo a súa aposta pola innovación cultural, a experimentación artística e a conexión entre música, territorio e cidade. Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou a consolidación do proxecto dentro do calendario cultural da cidade. “O Fanzine Fest é un exemplo da capacidade da Coruña para acoller propostas culturais innovadoras e especializadas. Ao longo de doce edicións consolidouse como unha referencia da cultura electrónica en Galicia e como unha plataforma de creación con proxección internacional”, sinalou.  

A programación contará con artistas de primeiro nivel da escena electrónica contemporánea como Adriana López, James Ruskin, Ceephax Acid Crew, Mell G, Anika Kunst, Iñigo Kennedy, Sunil Sharpe, Rachael, Ungar e Roi, entre outros nomes destacados do panorama nacional e internacional. O festival manterá tamén unha atención especial á escena local e galega, un dos seus sinais de identidade desde os seus inicios. 

Unha das características singulares desta edición será novamente a súa integración no tecido urbano da cidade. A programación desenvolverase en seis espazos emblemáticos daCoruña: o Planetario, a Domus, o Ágora, o Teatro Colón, a Fundación Luís Seoane e a Sala O Túnel, creando un percorrido que conecta cultura, arquitectura e creación contemporánea. 

Castro puxo en valor este modelo de festival distribuído pola cidade. “O Fanzine Fest converte distintos espazos culturais da Coruña en puntos de encontro arredor da música e da creación contemporánea. Esa capacidade para dialogar coa cidade e activar equipamentos culturais diversos é unha das grandes fortalezas do proxecto”, indicou. 

Desde a súa creación, o festival evolucionou ata converterse nunha plataforma cultural que traballa en ámbitos tan diversos como a produción de eventos, a formación, a edición musical e o desenvolvemento artístico. Esta dimensión transversal permitiulle establecer conexións entre a Coruña e diferentes escenas electrónicas internacionais, contribuíndo á proxección exterior da cidade. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por unha programación cultural plural, aberta á innovación e capaz de incorporar propostas que amplían os horizontes da creación contemporánea. O Fanzine Fest encaixa perfectamente nesa visión dunha Coruña dinámica, creativa e conectada coas tendencias culturais actuais”, concluíu Gonzalo Castro.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias