REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo no Parlamento Europeo un encontro de traballo coa Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-7) de Burela, científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do CSIC, ademais de representantes de Europêche, a organización que representa a todo o sector pesqueiro ante as institucións da Unión Europea.
No encontro o IEO-CSIC presentou os resultados do proxecto ISPAMER, que analiza o funcionamento da arte do palangre pedra-bola e o seu impacto no leito mariño. Os científicos do IEO-CSIC constataron que se trata dunha arte selectiva cun contacto mínimo no fondo mariño.
“Celebro os resultados deste estudo científico, xa que poñen de manifesto o que levamos denunciando no BNG dende o minuto cero que a Comisión aprobara no 2022 o vergoñento Regulamento que pechou 87 zonas de pesca a determinadas artes en caladoiros históricos da frota galega”, destaca Ana Miranda.
A decisión da Comisión Europea para pechar a actividade pesqueira en 87 zonas da plataforma atlántica situada entre os 400 e os 800 metros de profundidade afectou a artes de pesca selectivas como o palangre pedra-bola, baseándose en informes científicos non actualizados e sen ter en conta as demandas do propio sector.
Como lembra a eurodeputada do BNG, “a Política Pesqueira Común conta con tres dimensións e unha delas é o impacto socio-económico”. Ana Miranda critica que “daquela, a decisión tomouse sen ter en conta as graves consecuencias que podería ter para centos de familias que dependen da pesca para sobrevivir nas zonas costeiras galegas”.
O estudo encargado pola OPP-7 de Burela avaliou 6,36 millóns de anzois durante tres anos, amosando unha selectividade de máis do 90% para a pescada, do 98% para os tamaños e moi baixos índices de descartes. Ademais só se rexistraron 10 individuos de especies mariñas vulnerabeis.
“A Comisión Europea debe ter en conta este informe científico que avalía o emprego do palangre e levantar o veto desta arte nas 87 zonas de pesca pechadas, xerando beneficios económicos para a frota pesqueira galega afectada”, celebra Ana Miranda.