REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lamenta a falta de vontade política dos Estados da Unión Europea, que este martes volveron bloquear no Consello de Asuntos Xerais da UE a petición en favor do recoñecemento do galego para a súa oficialidade nas institucións comunitarias.
O Goberno español voltou fracasar na súa procura da unanimidade entre o resto dos Estados membros da UE, necesaria dentro do Consello para obter a oficialidade do galego, do éuscaro e do catalán, unha demanda paralizada dende agosto do 2023.
“Novamente o galego é discriminado pola decisión dos Estados da Unión Europea de non admitilo nin recoñecelo como lingua oficial nas institucións comunitarias”, denuncia Ana Miranda. “Dende o BNG criticamos esta decisión pola falla de ambición e a profunda discriminación que supón á nosa lingua.
Un grupo de países encabezado por Alemaña, onde goberna a CDU que pertence á familia política do PP europeo, bloquea a petición do Estado español para recoñecer os dereitos lingüísticos de preto de 3 millóns de galegas e galegos. Os gobernos do PP europeo están a bloquear esta decisión por intereses partidistas, xa que non existen razóns legais nin de custe económico para UE que xustifiquen o seu veto”, critica Ana Miranda.
En total, son 12 millóns de persoas as que non poden empregar oficialmente o galego, o éuscaro e o catalán dentro das institucións comunitarias. Tampouco acceder á documentación ou lexislación da UE nas súa linguas nin os seus representantes políticos empregalas dentro do Parlamento ou do Consello europeos. Só se pode empregar nalgúns ámbitos do Comité das Rexións ou do Consello Ecónomico e Social, co aviso previo e sen posibilidade de interpretación activa, isto é, doutros idiomas cara o galego.
“Hai unha falla de ambición do Estado español en defender a oficialidade dun xeito rotundo”, sinala a eurodeputada do BNG, malia que “temos o dereito a que a nosa lingua sexa recoñecida como lingua oficial na Unión Europea e seguiremos pelexando por elo”.
A demanda en favor da oficialidade está amparada segundo o artigo 2 do Tratado da Unión Europea, que se refire ao respecto dos dereitos das persoas que pertencen a minorías, e polo artigo 3, que require á Unión respectar a riqueza da diversidade cultural e lingüística. Ademais, o artigo 21 da Carta Fundamental de Dereitos da UE prohibe a discriminación en razón da lingua e no seu artigo 22 exixe respectar a diversidade lingüística.