REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantén unha postura crítica na votación ás emendas á Lei de Materiais e Minerais Críticos celebrada este martes no Parlamento Europeo. A representante do Bloque defende a protección do medio ambiente para evitar que proxectos extractivos teñan un impacto negativo nas explotacións gandeiras e agrícolasA votación sobre as emendas á Lei de Materiais e Minerais Críticos celebrada no Pleno da Eurocámara en Estrasburgo lexitimou a estratexia proposta pola Comisión Europea para centralizar os proxectos mineiros considerados críticos, ao tempo que se aposta por un fondo de 2.000 millóns de euros específico para apoiar estes proxectos.“Na nosa recente reunión coas autoridades da Comisión Europea ao cargo dos proxectos estratéxicos mineiros xa lles trasladamos as nosas dúbidas sobre os informes de impacto medioambiental destes proxectos, explicando que no caso das minas de Touro-O Pino e de Doade se incumpren mesmo criterios da UE para obter esa lapela comunitaria preferente”, advirte Ana Miranda.A representante do Bloque valora a creación dun observatorio ou centro europeo sobre minerais críticos que impulse a rendición de contas das grandes corporacións en cuestións medioambientais. E a aposta por normas para impulsar a reciclaxe destes materiais, “aínda que se quedan curtas”, lamenta Ana Miranda, “xa que a Comisión só fala de reutilizar o 25% do consumo anual de minerais críticos na UE”.“Vemos como os exemplos das minas de Touro-O Pino e de Doade na Galiza son algúns dos moitos proxectos extractivos cun negativo impacto medioambiental e social, igual que outros en Europa como a mina de Barroso en Portugal”, denuncia a eurodeputada do BNG, quen pide “protexer o territorio, sectores produtivos sostibles, como o agrogandeiro, e cumprir coas normativas medioambientais”.A reapertura da mina de Touro-O Pino afectaría a preto de 200 explotacións agrícolas e gandeiras da súa contorna, ao contaminar augas superficiais e soterradas necesarias para a viabilidade destas explotacións. A eurodeputada do BNG expuxo as 1.500 alegacións da veciñanza e colectivos locais, principalmente, contra ese proxecto extractivo, o que levará á Comisión Europea a avaliar de novo o proxecto en marzo.Malia as obxeccións medioambientais, a Comisión Europea acelerando as súas ambicións mineiras co obxectivo de que a UE extraia o 10% dos minerais raros que consume para o 2030. Como recoñeceron en privado altos dirixentes da UE á eurodeputada Ana Miranda, a estratexia da Comisión é limitar o que cualifican como chantaxe mineiro e sobre materiais críticos de China.Esta estratexia está dirixida tanto dentro de Europa como fora, o que cuestiona o impacto medioambiental. Logo de ofrecer a lapela de proxectos estratéxicos a 46 explotacións, entre elas as minas de Touro-O Pino e de Doade, vén de asinar unha asociación con Nova Caledonia para a extracción conxunta destes materiais, o décimo sétimo acordo desde tipo desde 2021.