El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Bayardo Quinto Núñez
Internacional

POLÍTICA | BNG

A Comisión Europea confirma ao BNG que a Xunta só executou o 16% fondos da PAC para prevención de lumes

27-10-2026 19:23:58
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de recibir unha carta do Comisario europeo de Agricultura, Chistophe Hansen, con explicacións detalladas sobre os fondos da PAC recibidos por Galiza para a prevención dos danos forestais e para a restauración forestal. A misiva oficial amosa a incapacidade do Goberno do PP na xestión dos cartos comunitarios no eido rural. 

A Comisión Europea informa á representante do Bloque que durante o período 2023-2027 ofrecéronse axudas para a xestión forestal sostible no marco da Política Agraria Común (PAC) por un importe de gasto público total de 833 millóns de euros. Esta partida inclúe 76 millóns para a prevención dos danos forestais e o Goberno de Rueda só executou 12 millóns. Isto representa un mísero 15,8%. 

“Esta cifra é un escándalo e confirma o que viñamos denunciando dende o BNG hai tempo, a incapacidade do Goberno do Sr. Rueda na xestión dos fondos europeos para a prevención dos desastres forestais, como os lumes, e para a súa restauración”, explica Ana Miranda. “O Goberno do PP fai unha politización dos fondos europeos con intereses electorais no canto de cumprir cos compromisos ante os incendios”. 

O Comisario Hansen recoñece á eurodeputada Ana Miranda que Bruxelas “seguiu moi de preto o impacto dos lumes forestais no 2025 en Galiza”. Hansen detalla outro elemento de gran preocupación, dos 8 millóns de euros para Galiza no eido da restauración forestal dentro da PAC, o PP só executou 309.000 euros, un 3,86%. 

“A ridícula execución dos fondos para restauración e recuperación da terra queimada amosa que o Goberno do Sr. Rueda non fai o seu traballo malia ao catastrófico ano 2025, onde a terra ardida superou tódolos récords”, denuncia Ana Miranda.  


Bruxelas desmonta a propaganda do PP 

Os datos oficiais da Comisión Europea, aos que agora ten acceso a eurodeputada do BNG, enumeran que no 2025 o Goberno do PP tivo unha asignación anual do Programa de Desenvolvemento Rural da UE de 11 millóns para a prevención e outros 2 millóns para a restauración. No ano 2025 arderon na Galiza 209.281 hectáreas segundo os datos do sistema europeo Copernicus, 122.000 delas só no mes de agosto, o peor da historia de Galiza, o dobre das oficialmente declaradas pola Xunta. 

“Onde está gardando o señor Rueda os fondos europeos? Quere adicalos cando lle interese electoralmente?, pregúntase Ana Miranda, porque “Bruxelas confirma que tamén asignou para Galiza 27,5 millóns de euros dos fondos de cohesión en resposta aos incendios forestais do verán do 2025 e, máis dun ano despois, agora sabemos que as operacións seleccionadas neste eido só acadan os 9 millóns”. 

A Comisión Europa lembra que “as intervencións financiadas” por partidas como o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) ou do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para a xestión forestal, como é a prevención dos lumes e a restauración da terra ardida, “adminístranse nun réxime de xestión compartida”. 

O Goberno do PP é, polo tanto, responsable de seleccionar as operacións, asignar os orzamentos e prestar a axuda necesaria para a xestión do medio rural grazas aos investimentos europeos. A carta do Comisario Hansen á eurodeputada Ana Miranda amosa o desleixo na execución dos fondos europeos para a xestión do territorio.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias