El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Bayardo Quinto Núñez
Ernesto González Valdés
Zayda Quinto Calderón
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Besteiro avisa en Ferrol, "cidade de memoria democrática" de que a ultradereita xa gobernou España e custou décadas recuperar a liberdade

02-11-2026 17:30:11
José Ramón Gómez Besteiro (3e).

REDACCIÓN | O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou hoxe en Ferrol a publicación no Boletín Oficial do Estado da resolución que declara a cidade Lugar de Memoria Democrática. Fíxoo diante do muro do instituto de Canido, levantado sobre o antigo cemiterio civil onde se fusilaba a quen defendía a liberdade. "Cumprimos o noso compromiso", afirmou Besteiro, que definiu a declaración como "un recoñecemento á cidade e á xente que loitou pola liberdade, a igualdade e os dereitos". 

O líder dos socialistas galegos lembrou que hai xusto un ano se reunira na Casa do Pobo coas entidades memorialistas con motivo do inicio formal do procedemento, que a Dirección Xeral de Promoción da Memoria Democrática incoou o 4 de novembro de 2025. Con aquel paso, dixo, o Goberno "recoñecía e referendaba o labor de todas as persoas que traballaron arreo para facelo posible", e facíao ao abeiro da Lei de Memoria Democrática que impulsou o Goberno de Pedro Sánchez e que saíu adiante en 2022 cos votos en contra do PP e de Vox. 

"Hoxe xuntámonos de novo coa asociación para celebrar a culminación dese proceso", engadiu. A resolución, asinada o 21 de outubro polo secretario de Estado de Memoria Democrática, lembra que en Ferrol a sublevación militar triunfou o 22 de xullo de 1936, despois de tres días de resistencia, e deu paso a unha represión sistemática. Recolle tamén a tradición de loita obreira da cidade, das folgas na antiga Bazán aos sucesos de marzo de 1972. 

Besteiro detívose nalgúns dos 22 lugares incluídos, que considera importantes para a historia de Ferrol pero tamén para a de Galicia e a de toda España. Citou o Castelo de San Felipe, convertido en prisión militar e centro de fusilamentos tras o golpe; o estaleiro, hoxe Navantia; o monumento ao 10 de marzo de 1972 e o monolito dedicado a Pablo Iglesias, "o noso fundador", que naceu en Ferrol. 

Tamén se referiu ao lugar no que falaba, o antigo cemiterio de Canido, onde "tantas persoas foron fusiladas por defender a legalidade democrática ou, simplemente, polas súas ideas". O cemiterio conservou ata 1965 varias fosas comúns con trescentas vítimas da represión entre 1936 e 1945, segundo recolle a resolución publicada hoxe. Ao lado, no parque Antón Varela, está o memorial cos nomes das 904 persoas asasinadas pola ditadura nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, un monumento impulsado, en palabras de Besteiro, "polas entidades memorialísticas da man dos gobernos progresistas de Ferrol". 

A declaración obriga a garantir que eses lugares se conserven e se sinalicen como corresponde, e o secretario xeral do PSdeG deixou claro que agora lles toca ao Concello e á Xunta facer a súa parte para que a cidadanía os coñeza. "E estaremos vixiantes para que así se faga", advertiu. 

Besteiro defendeu que hoxe a memoria "é máis importante ca nunca". Primeiro, porque "unha sociedade democrática ten a obriga de lembrar a todas as persoas que pagaron a nosa liberdade coas súas vidas". E tamén porque, segundo dixo, "non debemos esquecer que a ultradereita xa gobernou este país e que fixeron falta décadas para recuperar a liberdade e superar as consecuencias da ditadura". 

O secretario xeral pechou a súa intervención inicial lembrando que a memoria democrática, ademais de facer xustiza co pasado, é "unha ferramenta imprescindible para protexer o presente e o futuro da nosa democracia". 


“O primeiro é atender ás vítimas e as súas familias e seguir investigando” 

Á pregunta dun xornalista sobre se o ministro de Transportes, Óscar Puente, debería dimitir tras o accidente ferroviario de Urda (Toledo), Besteiro respondeu que "o que debemos ser é absolutamente coherentes" e marcou unha orde de prioridades. A primeira, dixo, "segue sendo atender as vítimas e as súas familias", un labor que non remata hoxe e que ten que manterse "nos días e nos meses sucesivos". 

Despois, "claro que si, unha investigación". Lembrou que xa hai dúas en marcha, unha de autoridades independentes e outra xudicial, e explicou para que serven: "Necesitamos todos coñecer a verdade, coñecer que foi o que fallou ou que non fallou, cales foron os erros que se puideron ter cometido e que si se podían ter evitado". Cando esa investigación diga cales son as responsabilidades, engadiu, chegará o momento de "depurar todas as responsabilidades políticas e as que non sexan políticas". Para Besteiro, "ese é o procedemento lóxico". 

O secretario xeral do PSdeG defendeu a posición do Goberno de "iniciar unha investigación absolutamente transparente que nos permita esclarecer a verdade do que aconteceu" e considerou que "o que hai que esixir" é o que está a facer o ministro, "que dea a cara, que non se escape, que dea explicacións públicas". 

Puente comparece mañá, a petición propia, na Deputación Permanente do Congreso. "Iso é o que lle pido ao Goberno, que non escape, que non mire para outro lado, senón que dea toda a información da que dispón e que non entorpeza unha investigación, como creo que se está facendo", sinalou. 

"E a partir de aí xa poderemos todos extraer as responsabilidades políticas e as outras responsabilidades que se poidan derivar desa investigación", concluíu Besteiro, que insistiu en que o primeiro son "as vítimas e as súas familias", porque aínda quedan vítimas por identificar.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias