El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Bayardo Quinto Núñez
Ernesto González Valdés
Zayda Quinto Calderón
Más noticias

CARBALLO

Carballo reivindica o talento médico vinculado á comarca coa celebración do III Encontro Médico de Bergantiños

03-11-2026 18:17:45
Presentado o III Congreso Médico de Bergantiños.

REDACCIÓN | O Pazo da Cultura de Carballo acollerá o sábado a terceira edición do Encontro Médico de Bergantiños, unha iniciativa aberta á participación de toda a veciñanza que pretende poñer en valor o talento dos profesionais da medicina vinculados coa comarca, favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos e recoñecer o labor de figuras que deixaron pegada na historia sanitaria da zona. A xornada foi presentada polo alcalde, Daniel Pérez; o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, e os médicos carballeses Alejandro Ávila e Juan Carlos Díaz del Valle, impulsores e organizadores do encontro. 

O programa desta terceira edición combina a participación de profesionais de diferentes especialidades, unha conferencia sobre intelixencia artificial, unha ollada á historia da medicina e unha homenaxe ao doutor José Manuel Lado Romero, que foi director do Hospital Psiquiátrico de Conxo e exerceu unha notable influencia sobre varias xeracións de médicos. 

Durante a presentación, o alcalde destacou que o propio programa permite comprobar o extraordinario potencial dos profesionais vinculados con Carballo e Bergantiños, tanto dos que desenvolven aquí o seu traballo como dos que exercen noutros lugares. Daniel Pérez incidiu na importancia de dar visibilidade a ese talento, que abrangue numerosas especialidades médicas e sanitarias e que, en moitos casos, é pouco coñecido pola propia veciñanza. 

O rexedor salientou tamén o valor do encontro para recoñecer a traxectoria dos profesionais da comarca e reforzar a vinculación entre a medicina, o territorio e as persoas. Nese sentido, reiterou o compromiso do Concello de Carballo coa iniciativa e agradeceu aos organizadores que sigan apostando pola vila como sede dunha cita que contribúe a proxectar o seu nome máis alá de Bergantiños, tanto no ámbito galego como no estatal. 


Talento médico de Bergantiños 

Alejandro Ávila e Juan Carlos Díaz del Valle, impulsores desta iniciativa, destacaron a vontade de consolidar un punto de encontro entre profesionais que comparten raíces e intereses comúns, aínda que desenvolvan a súa actividade en ámbitos e lugares moi diferentes. 

A terceira edición manterá o espírito co que naceu o encontro: dar visibilidade ao exercicio da medicina na comarca, favorecer as relacións entre profesionais e descubrir o talento das novas xeracións, con presenza de especialistas que están a desenvolver carreiras destacadas nos seus respectivos campos. 

Os organizadores agradeceron especialmente a implicación do Concello de Carballo e do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, que volven colaborar na celebración da xornada, así como a participación desinteresada dos relatores e moderadores. 

Pola súa banda, Luciano Vidán puxo en valor a continuidade desta iniciativa e a súa relación persoal e profesional con Carballo, onde desenvolveu parte da súa actividade médica nos primeiros anos da súa carreira. O presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña lembrou con especial afecto aquela etapa e destacou a importancia de manter vivos os vínculos entre os profesionais sanitarios e os lugares nos que se formaron ou exerceron. 


Da medicina de familia á intelixencia artificial 

O encontro comezará ás 10.30 horas coa inauguración oficial, na que participarán o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro; o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, Luciano Vidán; a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures, e os dous organizadores. 

Entre as 11.00 e as 12.30 horas desenvolverase a mesa Medicina e algo máis que medicina, presentada por Juan Carlos Díaz del Valle e moderada por Alfonso Mariño Cotelo. Nela participarán Blanca García Varela, médica de familia; Lucía Díaz Platas, radiofarmacéutica; Ignacio Iglesias Negreira, especialista en cirurxía vascular, e Huguette Persical Martínez, médica de familia. 

Un dos momentos destacados chegará ás 13.00 horas coa conferencia convidada de Verónica Bolón Canedo, enxeñeira informática, profesora da Universidade da Coruña e investigadora de referencia no ámbito da intelixencia artificial. 

A súa participación permitirá abrir o encontro a unha disciplina que está a transformar numerosos ámbitos da sociedade, entre eles o sanitario. Os organizadores destacaron a importancia de saír do ámbito estritamente médico para coñecer os avances tecnolóxicos que xa están a influír na práctica clínica e que terán un papel cada vez máis relevante na medicina. 


Homenaxe a José Manuel Lado Romero 

A terceira edición reservará un espazo especial para lembrar a figura do doutor José Manuel Lado Romero. Vinculado familiarmente con Carballo, Lado Romero desenvolveu unha destacada carreira profesional no ámbito da psiquiatría e chegou a dirixir o Hospital Psiquiátrico de Conxo. Ademais da súa traxectoria médica, os organizadores salientaron a súa dimensión humana e a influencia que exerceu sobre numerosos profesionais. 

Luciano Vidán evocou durante a presentación a súa relación persoal con Lado Romero, ao que coñeceu nos inicios da súa carreira. O presidente do Colexio Oficial de Médicos lembrou o apoio que recibiu del e a relación de amizade que mantiveron, e destacou a súa capacidade para valorar non só os coñecementos e a preparación dos médicos máis novos, senón tamén a sinceridade, a espontaneidade e as calidades humanas. 

O alcalde tamén quixo facer unha mención especial a este recoñecemento, pola pegada que o doutor deixou entre moitos dos profesionais que participarán na xornada, que rematará cun xantar de confraternización.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias