El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Bayardo Quinto Núñez
Ernesto González Valdés
Zayda Quinto Calderón
Más noticias

A CORUÑA

Carlos González ingresa como membro numerario do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses

03-11-2026 19:33:17
Carlos González Guitián (3d).

REDACCIÓN | O Salón de Sesións de María Pita acolleu hoxe o acto de ingreso de Carlos González Guitián como membro numerario do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, nunha sesión na que participou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e na que a numeraria María de la O Suárez Rodríguez pronunciou a contestación ao discurso de entrada. 

No seu discurso, titulado ‘Balnearios marítimos y baños de mar en A Coruña. 1834-1934’, o novo numerario realizou un percorrido pola historia dos balnearios marítimos da cidade e pola evolución dos usos terapéuticos e sociais do mar ao longo dun século. A intervención abordou desde os primeiros establecementos vinculados aos baños de mar ata a consolidación de espazos emblemáticos de Riazor como o Balneario da Beneficencia Municipal, La Perfecta, La Salud ou La Primitiva, así como diversos proxectos que nunca chegaron a construírse. 

Durante a súa intervención, o concelleiro Gonzalo Castro destacou o papel do Cornide como unha institución fundamental para a investigación e divulgación da historia coruñesa. “O Instituto José Cornide leva décadas a manter unha función esencial: estudar a cidade, conservar a súa memoria e compartila coa cidadanía. Porque a historia dunha cidade tamén está nos costumes, nos oficios e nos espazos que cambian de uso ou desapareceron”, sinalou o edil. Castro puxo tamén en valor a traxectoria profesional de Carlos González Guitián, a quen definiu como unha figura capaz de combinar “o rigor investigador e a vocación de servizo”. 

Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Historia pola Universidade de Valencia, Carlos González Guitián desenvolveu boa parte da súa carreira como bibliotecario e documentalista no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e como profesor asociado da Universidade da Coruña. Ademais, foi impulsor da plataforma Fisterra, coordinador de BiblioSaúde e autor de numerosos traballos relacionados coa documentación científica, a historia da medicina e o patrimonio histórico galego. 

“O seu discurso recupera unha parte da historia da cidade que de tan preto coñecemos menos do que pensamos. Os edificios xa non están, mais as fontes permiten recuperar a súa pegada e entender mellor a saúde, o lecer e a transformación urbana da Coruña”, destacou Castro. O responsable municipal de Cultura subliñou tamén o valor da investigación histórica para preservar o patrimonio colectivo da cidade. “Preservar o patrimonio non consiste unicamente en coidar o que segue en pé. Significa coñecer e divulgar o que xa non podemos ver. Por iso son tan importantes os arquivos, as bibliotecas e institucións como o Instituto José Cornide”, afirmou. 

O acto concluíu coa entrega dos atributos que acreditan a incorporación de Carlos González Guitián como membro numerario dunha institución que, desde hai décadas, constitúe unha referencia na investigación, estudo e difusión da historia e do patrimonio da Coruña.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias