REDACCIÓN | O Concello acolle desde onte e ata o mércoles, a Opening Site Visit do proxecto europeo de innovación tecnolóxica Allocate, un encontro que reúne ás cidades asociadas ao proxecto —Viana do Castelo, Heidelberg e Reggio Emilia—cos socios de execución: a UDC, o Clúster TIC, Altia e Khora Urban Consulting, así como con representantes da Iniciativa Urbana Europea e outros participantes en Allocate.
A xornada técnica que se desenvolve hoxe na Cidade das TIC permite ás cidades coñecer en detalle o traballo realizado durante o primeiro ano de Allocate, compartir os seus propios retos e comezar a analizar que elementos do modelo coruñés poden ser transferidos aos seus contextos urbanos.
O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, deu esta mañá a benvida aos representantes das tres cidades e aos socios e participantes en Allocate. “O verdadeiro valor dun proxecto europeo está na súa capacidade para compartir coñecemento”, sinalou José Manuel Lage na apertura do encontro. Na súa intervención, tamén puxo en valor o ecosistema tecnolóxico da Coruña e destacou que a fortaleza da cidade non reside unicamente en dispoñer de tecnoloxía, senón tamén na capacidade para conectar universidades, centros de investigación, administracións públicas, empresas e infraestruturas tecnolóxicas.
O evento ten como obxectivo a creación de sinerxias para a xeración de novas ideas e relacións de colaboración entre cidades. A axenda está concibida para combinar apresentación do proxecto e dos retos das cidades participantes con demostracións, visitas técnicas e sesións específicas de traballo sobre a transferencia.
Na xornada de hoxe preséntanse os principais avances de Allocate durante o seu primeiro ano de implementación, así como os retos das tres cidades europeas socias de transferencia. O proxecto está a avanzar na definición dos casos de uso e das fontes de datos, no deseño da infraestrutura e na creación da Comunidade de Computación Local. Outro dos eixos de traballo é a formación dirixida principalmente ás empresas locais do sector TIC, coa posta en marcha dun curso de IA verde e ética que comezará o 17 de novembro. O prazo de inscrición permanece aberto ata o 10 de novembro e pode facerse a través da web do proxecto.
Allocate conta cun investimento de 5,5 millóns de euros para o desenvolvemento do proxecto. Desta cantidade, 4,4 millóns proceden do FEDER, no marco da terceira convocatoria da European Urban Initiative, mentres que os 1,1 millóns restantes corresponden á achega municipal.
Experiencias compartidas
Unha parte central do encontro será o Give & Take Marketplace, un espazo de intercambio no que Viana do Castelo, Heidelberg e Reggio Emilia coñecerán as solucións desenvolvidas en Allocate e compartirán as súas propias experiencias. O traballo centrarase en tres ámbitos: a Comunidade de Computación Local; o desenvolvemento de solucións de IA a partir dos retos urbanos identificados nas áreas de mobilidade, atención cidadá e tratamento de residuos; e a aplicación dunha intelixencia artificial verde, ética e responsable.
Unha folla de ruta para a transferencia
A última xornada, o mércores 11 de novembro, estará dedicada especificamente ao proceso de transferencia. Os socios traballarán sobre unha folla de ruta que recolle os fitos e actividades que deberán desenvolverse ao longo do ciclo de vida do proxecto.
A Opening Site Visit sitúa así A Coruña como punto de partida dun proceso de aprendizaxe compartida con Viana do Castelo, Heidelberg e Reggio Emilia. O encontro permitirá ás trescidades coñecer directamente os procesos e solucións de Allocate e, ao mesmo tempo, incorporar as súas propias experiencias a unha reflexión conxunta sobre a aplicación da intelixencia artificial verde e ética aos retos urbanos.