REDACCIÓN | Os socialistas galegos saíron hoxe á rúa en Vigo e no resto de Galicia para sumarse á folga xeral do 11N. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou na mobilización convocada por CCOO e UGT na cidade e alí resumiu o que, ao seu xuízo, está en xogo tanto nesta xornada como nas eleccións xerais. "O 11N vai diso, da defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras, e o 29N tamén vai diso. De dereitos ou de recortes. Cada un saberá onde quere estar", afirmou.
Na manifestación participou unha ampla representación de socialistas. Xunto a Besteiro, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e os números un ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra, Abel Losada e Carmela Silva, así como varios concelleiros da cidade olívica e o secretario xeral do PSdeG da provincia de Pontevedra, David Regades.
Besteiro explicou que os socialistas se suman "a esa defensa dos intereses da clase traballadora, por unha vivenda digna, por un salario digno, por unha vida digna, tamén por unha pensión digna". Uns intereses que, segundo dixo, "parece que lles molestan ao Partido Popular e a Vox, porque estes non fallan unha. Cando hai que votar para avanzar en dereitos, sempre din non".
O líder dos socialistas galegos repasou o historial das dúas formacións no Congreso. "Votaron non á reforma laboral, votaron non á subida do salario mínimo interprofesional, á mellora e á actualización das pensións. Votaron en contra de todas as medidas en favor da vivenda", enumerou.
Pero agora, engadiu, "xa nin sequera se conforman con iso". "Tamén insultan, ridiculizan e ameazan aos representantes da clase traballadora, aos representantes dos traballadores e das traballadoras", denunciou Besteiro, que lle puxo nome a esa ofensiva. Citou a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que fala de "basura sindical" e contou onte que lle pedira a Alberto Núñez Feijóo que lle prometese acabar con ela. O líder do PP respondeulle "non o dubides", e Besteiro acúsao de sumarse "á carreira contra os representantes dos traballadores".
Besteiro reservou unha resposta máis directa para Miguel Tellado. O secretario xeral do PP dixo onte que os sindicatos decidiron "espertar da sesta" que levan botando desde 2018 e definiu o seu partido como "o verdadeiro partido dos currantes". "Pois mire, señor Tellado, nestes oito anos os sindicatos e o Goberno de Pedro Sánchez conseguiron subir o salario mínimo de 735 a 1.221 euros. Son case 500 euros máis cada mes para quen menos cobra. Se iso é durmir a sesta, bendita sesta", replicou.
Tampouco deixou pasar que Tellado presente o PP como o partido dos currantes "cando Feijóo chama cancro ao absentismo laboral e cuestiona que quen está enfermo cobre o salario completo". "Dicir que o PP é o partido dos currantes é como dicir que o raposo está para defender as galiñas", engadiu. E xa que Tellado encabeza a lista do PP ao Congreso pola Coruña, Besteiro emprazouno a vir con Feijóo "a explicar por que, tras 17 anos de gobernos do PP na Xunta, en Galicia se cobran case 3.000 euros menos ao ano que a media española", mentres os alugueiros seguen disparados e en Vigo subiron un 6 % no último ano.
Preguntado polas voces que ven atípica unha folga convocada, en teoría, contra o Goberno pero apoiada por el, Besteiro considerou que esas críticas retratan a quen "non comparte ese camiño de mellorar a vida das persoas ou o salario dos traballadores, unha vivenda digna". "Eu creo que son reivindicacións xustas e nós estamos nese camiño. Hai outros que parece que se senten afectados e interpelados. Por algo será, non?", respondeu. Para o secretario xeral do PSdeG, esta é "unha folga absolutamente legal, lexítima" e, na súa opinión, "toca no momento axeitado".
Abel Caballero
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén estivo na mobilización e defendeu que o obxectivo da folga "é respaldable por todo este país", porque o avance económico deste momento "ten que repercutir no conxunto da sociedade. Ten que repercutir dunha forma notable e importante". Para o rexedor, a xornada é "unha chamada de atención, unha acción colectiva de todo o país para seguir avanzando".
Caballero destacou que a folga tivo en Vigo "un seguimento moi importante". "Estiven no Concello, como é natural, para ver a situación, e desde o Concello ata aquí está practicamente todo pechado", contou. O alcalde pediu aos grupos políticos, incluído o seu, que reflexionen sobre as catro demandas da xornada, que son vivenda, salarios, pensións e emprego. Das pensións dixo que "se teñen que actualizar co IPC e máis aínda, porque teñen que gañar poder adquisitivo", e do emprego, que "neste momento vai dunha forma extraordinaria, pero ten que ser acompañado cada vez por máis acción e por máis mobilización".