El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Bayardo Quinto Núñez
Más noticias

A CORUÑA

O Goberno municipal anuncia a conxelación das taxas e tributos para o exercicio 2027

12-11-2026 14:04:34
Inés Rey (c).

REDACCIÓN | O concelleiro de Econonía e Planficación Estratéxica e primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, anunciou no pleno que tivo lugar hoxe, que o Goberno municipal ten previsto manter as taxas e tributos municipais sen variacións no vindeiro exercicio 2027. 

A decisión, explicou Lage, tómase nun contexto no que o Concello busca contribuír a manter o poder adquisitivo da cidadanía e no que o consistorio ten unha situación saneada e con capacidade económica para afrontar distintos investimentos. “A 2 de novembro deste ano acadamos un nivel de investimentos superior aos 30 millóns de euros, o mellor na serie histórica a estas alturas do ano”, indicou Lage, que recordou tamén que o período medio de pago a proveedores (PMP) confirma os bos datos económicos, con cifras inferiores aos 30 días nos últimos 12 meses (21,14 días de media) no aboamento de facturas do Concello. 

“Neste contexto, démoslle instrución aos servizos tributarios para manter os niveis impositivos actuáis, conxelando todos os impostos e taxas”, indicou Lage, explicitando que os principais tributos, como o IBI, o ICIO, o IAE, o IVTM e as plusvalía non rexistrarán variacións. 


Orzamentos participativos 

O pleno municipal deulle luz verde ao financiamento, a través dun modificativo de crédito, dos 32 proxectos seleccionados a través do proceso de consulta dos Orzamentos Participativos. Deste xeito, ponse en marcha o mecanismo para activar os 2.513.230 euros de investimento municipal que estaban reservados para levar a cabo estas intervencións. 

Estes fondos, subliñou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro municipal, José Manuel Lage, “figuraban xa orzados e recollidos nunha partida xenérica. Tras seren aprobados os 32 investimentos, asígnanselle os fondos á área responsable de cada un dos proxectos para poder comezar co proceso da súa licitación”. Este mesmo mes, a Xunta de Goberno Local deulle visto e prace ao trámite e á listaxe definitiva de intervencións programadas, polo que a aprobación no pleno supón o arranque definitivo deste paquete de melloras nos barrios da cidade. 


Ampliación do parque de Bombeiros 

Outra medida aprobada polo pleno foi a de destinar 427.963 euros ás obras de ampliación do edificio administrativo do parque de Bombeiros. Esta cantidade obtense a través da Ordenanza de contribucións especiais, mediante as cotas que achegan as distintas compañías aseguradoras que operan na cidade. Os fondos que agora se incorporan súmanse ao millón de euros xa previsto para distintos investimentos en medios materiais para o parque. 

Este modificativo de crédito, explicou Lage, faise con cargo ao remanente de tesouraría derivado da recadación extraordinaria das contribucións especiais, que superou a cantidade inicialmente prevista. O proxecto de reforma inclúe a renovación da fachada, a reforma das oficinas, a substitución dos portas de peche do parque e outros traballos puntuais de mellora. O investimento total do proxecto ascende a máis de 475.000 euros. 


Estudo de detalle en Visma 

Tamén saíu adiante o estudo de detalle na parcela situada no n.º 2 da estrada de Visma a Mazaído. Este trámite, explicou o edil de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz, permitirá edificar neste soar agora baleiro, completando así a configuración da contorna da rotonda. Deste xeito, dáse un novo paso para permitir proxectos de promoción de vivenda a través da habilitación de novos espazos na cidade. Ademais, tamén se aprobou o estudo de detalle para a ampliación do CIFP Paseo das Pontes. 


Declaración institucional 25-N 

A alcaldesa, Inés Rey, leu no pleno a declaración institucional “Que che doe máis?” proposta pola FEGAMP para o 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. “Con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), en representación do municipalismo galego, reafirmamos a nosa máis firme condena e rexeitamento de todas as formas de violencia machista que atentan contra a liberdade, a dignidade, a seguridade e a igualdade das mulleres. Sempre, pero especialmente nesta data, lembramos as mulleres vítimas de todas as expresións da violencia machista, as mulleres asasinadas, as que viven baixo a ameaza, o control ou o maltrato, e tamén as súas fillas e fillos, vítimas directas dunha violencia que deixa profundas consecuencias nas súas vidas. Lembramos, así mesmo, as familias e as persoas próximas ás vítimas, que sofren as consecuencias irreparables desta violencia”, apunta o comunicado.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias