REDACCIÓN | O Concello de Melide, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza un programa de actividades arredor do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. As propostas inclúen formación, reflexión e participación en centros educativos e espazos municipais. Darán comezo o día 17 e prolongaranse ata decembro.
17 de novembro
O primeiro encontro será o 17 de novembro, ás 11:00 horas, no Centro Social, co grupo de mulleres "Migradas, mulleres que suman". Este programa de apoio ás mulleres migradas da localidade abre un espazo participativo e de reflexión para darlles voz arredor do 25N.
18 de novembro, 15 e 17 de decembro
Ao día seguinte, o 18 de novembro, comeza no IES de Melide ‘Tecendo Redes Seguras’, impartido por Movimiento por la Paz (MPDL); que volverá ás aulas o 15 e o 17 de decembro. Dirixido ao alumnado de ESO, o proxecto busca resgardar os adolescentes dos riscos de internet, en particular da manipulación, o recrutamento e a explotación sexual a través das TIC. Mediante dinámicas adaptadas á súa realidade, aprenderán a detectar situacións de abuso, a utilizar as plataformas con criterio e seguranza, e a reflexionar sobre igualdade, perspectiva de xénero e dereitos humanos no entorno virtual.
24, 25 e 26 de novembro
Os días 24, 25 e 26 de novembro, o alumnado de 2º e 3º de ESO participará no obradoiro de educación sexual ‘Para medrar, cuestionar e relacionarnos’, que analiza os estereotipos difundidos pola pornografía. A rapazada poderá valorar as consecuencias de acceder a estes contidos nas primeiras idades e a importancia de respectar o límite de idade de 18 anos. Ademais, entre os obxectivos do obradoiro está tamén o de identificar que corpos e roles de xénero se promoven nos medios, así como a súa pegada nas relacións persoais.
O mércores 25 de novembro, terá lugar a lectura do manifesto ás 12:00 horas na Praza do Convento. Se chove, trasladarase ao Salón de Plenos.
A convivencia será o eixe do obradoiro ‘Conflito Lab’, centrado en técnicas para resolver desavinzas, competencias emocionais, comunicación non violenta e xustiza restaurativa. Irá dirixido ao alumnado de 6º de Primaria: o 26 de novembro, no CEIP Martagona (8:45 horas) e no CEIP Nº 1 (12:30 horas); e o 27, no CEIP Mestre Pastor Barral (12:20 horas). A súa responsable é Andrea López, de Fiada Educación Social, educadora formada en pedagoxía socioafectiva e con mestrado en prevención e intervención en problemas de conduta no ámbito escolar. A mesma profesional presentará ‘Lúa non cabe nunha caixa’, a súa primeira publicación: un contacontos arredor da diversidade, a autoestima e a identidade, que chegará á Escola Infantil Municipal o 26 de novembro e á Escola Infantil Galiña Azul o 27.
30 de novembro
O 30 de novembro terá lugar un curso de defensa persoal no IES de Melide, destinado ao alumnado e ao profesorado que forman parte da Asemblea Feminista Estela Lila.A programación conta coa participación de Movimiento por la Paz (MPDL) e de Método Mas, e coa implicación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.