El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

A CORUÑA | 25N

A Coruña presenta a campaña do 25N "Non hai escusas"

Centrada na violencia dixital e na violencia vicaria.

13-11-2026 14:09:50
Inés Rey.

REDACCIÓN | A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, presentaron hoxe a campaña e a programación municipal con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O Concello mantén o lema "Non hai escusas" e incorpora nesta edición o concepto de extimidade, a exposición pública do íntimo e do privado, para poñer o foco nas violencias machistas que se exercen a través das pantallas e na violencia vicaria. 

"Hai compromisos que non poden depender de ningún resultado. A vida, a seguridade e a liberdade das mulleres, e das súas fillas e fillos, non son patrimonio de ninguén: son unha obriga de todas as institucións e de todas as forzas democráticas", afirmou a alcaldesa, que lembrou que neste ano xa son 44 as mulleres asasinadas en España por violencia de xénero, a maioría delas sen denuncia previa. 

Inés Rey explicou que a violencia machista "tamén se mudou" ao espazo dixital. "Non é unha violencia nova. É a mesma de sempre, control, humillación e chantaxe, con canles novas que a fan máis rápida, máis difícil de parar e, moitas veces, permanente", sinalou. A rexedora amosou a súa preocupación pola mocidade, despois de que o último Barómetro Juventud y Género recolla que un de cada cinco mozos e mozas considera que a violencia de xénero non existe ou é un invento ideolóxico. "O negacionismo non é unha opinión máis: é a antesala da xustificación", advertiu. 

Sobre a norma específica contra a violencia dixital que tramita o Parlamento de Galicia, a alcaldesa deulle a benvida, "porque todo o que protexa, suma", e pediu que chegue conrecursos e que conte cos concellos, "porque somos a primeira porta á que chaman as vítimas".  


A violencia vicaria, no centro 

A alcaldesa detívose de xeito especial na violencia vicaria, "a que utiliza as fillas e os fillos para ferir as nais". "Non é algo que pase lonxe", subliñou, e indicou que neste ano máis de cincuenta nenas e nenos, fillas e fillos de mulleres que sofren violencia de xénero, están a recibir atención psicolóxica no Centro de Información ás Mulleres (CIM) municipal. En España, 68 menores foron asasinados por violencia vicaria desde 2013, tres deles en 2026. 

Inés Rey lembrou que Galicia recoñeceu en 2021, co acordo de todos os grupos, a violencia vicaria como violencia de xénero, pero que as decisións sobre custodias, réxime de visitas, patria potestade ou escoita dos menores nos xulgados dependen dunha lei estatal que quedou sen aprobar coa disolución das Cortes, igual que a lei de protección dos menores nas contornas dixitais. "Gañe quen gañe, esas leis teñen que estar entre as primeiras da próxima lexislatura. Aí tampouco hai escusas. As nenas e os nenos non poden volver esperar", afirmou. 

A rexedora reiterou tamén a necesidade de que A Coruña conte cun Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual, xa que na actualidade as mulleres da cidade teñen que ser atendidas en Santiago ou en Ferrol. "Non pedimos nada contra ninguén: pedimos un recurso para as coruñesas e para toda a área metropolitana", dixo. 


Tres mensaxes e unha programación para toda a cidade 

A concelleira Nereida Canosa detallou a programación, financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e na que participan, xunto a Igualdade e o CIM, os servizos de Deportes, Cultura, Bibliotecas, Centros Cívicos, entre outros. As actividades organízanse arredor das tres mensaxes da campaña: "Na era da extimidade, máis conciencia, máis respecto"; "Construamos espazos libres de violencia na rede"; e "Protexamos ás nenas e nenos da violencia vicaria". 

O 20 de novembro, de 9.00 a 14.30 horas, o auditorio da Fundación ONCE acollerá a xornada "Ciberviolencias na era da extimidade", dirixida a profesionais dos ámbitos xurídico, social, educativo e psicolóxico e aberta á cidadanía. Participarán Eleonora Esposito, a avogada Laia Serra, a fiscal delegada de Violencia sobre a Muller en Galicia, Elena Steinger, e as investigadoras Sheila Fernández, Águeda Gómez e Patricia Alonso, co xornalista Alfonso Hermida como moderador. O 23 de novembro, ás 19.30 horas, o auditorio do Fórum Metropolitano acollerá o monólogo "Golpes", da compañía Aantena, interpretado por Estíbaliz Veiga, con entrada libre ata completar a capacidade. 

Entre o 1 e o 3 de decembro, o psicólogo e sexólogo Alejandro Villena impartirá once obradoiros sobre pornografía e violencia dixital: nove nos institutos da cidade para alumnado de 3.º e 4.º da ESO, un para alumnado universitario na Facultade de Socioloxía (1 de decembro, de 16.00 a 18.00 horas) e outro para familias e profesorado no Quiosco Alfonso (2 de decembro, de 18.30 a 20.30 horas). "A pornografía non é educación sexual, e as familias e os docentes precisan ferramentas para detectar e acompañar", sinalou a concelleira. As bibliotecas municipais súmanse co xogo de investigación "Redes e relacións sas", para alumnado de secundaria, e co xogo de escape "Que lle pasa a Xela?", para nenas e nenos de 9 a 13 anos, o 25 de novembro ás 18.30 horas na Biblioteca do Fórum. 

No eido da violencia vicaria, o auditorio de Afundación proxectará o 24 de novembro, ás 17.30 horas, o filme "La buena hija", seguido dunha mesa de diálogo coa súa directora, Júlia de Paz Solvas, e coas profesionais do CIM Araceli Mira e Eva Igualada. O 27 de novembro, de 9.00 a 14.00 horas, a Fundación ONCE acollerá a xornada "Violencia vicaria: identificar, previr e actuar", con Cristina Fallarás, Isabel Giménez, Andrea Cabezas, Zaida Robles, Ana Carracedo e Ana María González Lupión. Ademais, o 25 de novembro as ludotecas de Monte Alto e Mesoiro desenvolverán tres actividades coas nenas e nenos do servizo de Canguraxe. 

O propio 25 de novembro haberá unha andaina ás 10.00 horas, con saídas desde a explanada do C.D. Riazor e desde o frontón do C.D. A Torre, actividade deportiva dirixida ás11.00 horas e, ás 12.00 horas, o lazo e a lectura do manifesto na explanada de Riazor. O Centro Cívico dos Rosais acolle do 16 ao 30 de novembro unha mostra de libros e un mural participativo, o Espazo Diverso continúa co obradoiro "Movemento e identidade" no CentroCívico Cidade Vella e o Teatro Colón programa o Festival Norte Cinema Diverso, o día 25, e o peche do ciclo Elas Son Artistas coa actuación de Ede, o día 29. 

"Esta programación non é un calendario de actos. É unha forma de dicir, en cada barrio e a cada idade, que a violencia se pode recoñecer a tempo e que pedir axuda funciona", concluíu Nereida Canosa, que lembrou que o teléfono 016 atende as 24 horas, é gratuíto e non deixa rastro na factura, e que o CIM municipal está á disposición das mulleres que o precisen. A programación completa pode consultarse en coruna.gal.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias