El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O Pazo de Mariñán acolle as II Xornadas das Bibliotecas Municipais da provincia, organizadas por Cultura da Deputación

13-11-2026 14:57:11
Pazo de Mariñán.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña inaugurou hoxe no Pazo de Mariñán a segunda edición das Xornadas das Bibliotecas Municipais da Provincia da Coruña, un encontro que reúne profesionais do sector para abordar os principais desafíos que afrontan as bibliotecas públicas e reflexionar sobre as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías, especialmente a intelixencia artificial. A deputada de Cultura, Natividade González, participou na apertura dunha xornada que combina formación especializada, propostas prácticas e intercambio de experiencias co obxectivo de reforzar o traballo das bibliotecas municipais e o seu papel como servizos públicos esenciais. 

Durante a inauguración, Natividade González puxo en valor a importancia das bibliotecas como “espazos de acceso democrático á cultura, á información e á lectura, pero tamén como lugares de encontro, aprendizaxe e participación cidadá”. González referiuse tamén á transformación que están a experimentar estes servizos coa incorporación das novas tecnoloxías e afirmou que “a intelixencia artificial abre novas posibilidades, pero tamén formula interrogantes e riscos que debemos coñecer e abordar. O importante é que as bibliotecas poidan aproveitar estas ferramentas sen perder a súa esencia nin a súa función social, mantendo sempre as persoas no centro”. 

Precisamente, un dos eixos centrais desta segunda edición é o impacto da intelixencia artificial no presente e no futuro das bibliotecas públicas. O programa conta coa participación de representantes da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), do Grupo de Tecnoloxías da Información (Grupo Nós) e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que achegan diferentes perspectivas sobre os retos e as oportunidades desta transformación. A dimensión práctica ten tamén un espazo destacado coa intervención de Manuel Gago, xornalista, divulgador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que aborda as posibles aplicacións da intelixencia artificial no traballo cotián das bibliotecas e as oportunidades que ofrece para mellorar os seus servizos.  

A promoción da lectura e a capacidade das bibliotecas para crear comunidade constitúen outro dos grandes bloques das xornadas. As escritoras Antía Yáñez e Marta Villar comparten as súas experiencias na coordinación de clubs de lectura e achegan recursos e metodoloxías para fomentar a participación e consolidar estes espazos de encontro arredor dos libros. 

O programa inclúe tamén unha sesión dedicada a eBiblio, o servizo público de préstamo de libros electrónicos, audiolibros e outros contidos dixitais. A intervención permite afondar nas posibilidades desta plataforma para ampliar o acceso á lectura máis alá dos espazos físicos das bibliotecas, así como nas ferramentas que facilitan unha experiencia lectora adaptada ás necesidades de diferentes persoas usuarias.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias