REDACCIÓN | O Concello de Vimianzo pon en marcha a campaña «Semprevivas», unha iniciativa de sensibilización e prevención da violencia de xénero con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A proposta está dirixida ao alumnado de Educación Primaria dos CEIP Plurilingüe San Vicenzo e CEIP de Baiñas, e busca achegar desde idades temperás valores como o amor propio, a autoestima, a igualdade e o respecto, incidindo na importancia de manter a propia identidade, expresar as emocións e defender os límites persoais.
O conto Sempreviva será o fío condutor da campaña. A través desta historia, o alumnado poderá reflexionar sobre aquelas cousas ás que nunca debemos renunciar: a nosa voz, a liberdade, as amizades, o tempo propio e a capacidade de ser nós mesmas e mesmos.
Entre as actividades previstas inclúense a lectura do conto, a creación de mensaxes persoais de amor propio e a elaboración de ramos individuais con flores de sempreviva, nos que cada nena e neno incorporará a súa propia mensaxe.
O 25 de novembro terá lugar a xornada central da campaña no pavillón polideportivo municipal. Todos os ramos elaborados polo alumnado uniranse para formar un gran corazón colectivo. A actividade incluirá a lectura do conto e a participación dos escolares compartindo as súas frases de amor propio, para rematar cunha cadea humana arredor do corazón como símbolo de unión, apoio e compromiso colectivo fronte á violencia de xénero.
A flor de sempreviva representa a resistencia, a esperanza e a capacidade de recuperar a propia esencia. Cada ramo simboliza unha identidade, unha voz e unha historia; e o corazón colectivo lembra que a prevención da violencia contra as mulleres é unha responsabilidade compartida por toda a sociedade.
A programación do 25N completarase cunha proposta cultural no Auditorio de Vimianzo, onde a compañía Hurlé Prods, que se atopa realizando unha residencia no espazo escénico municipal, ofrecerá un pase aberto do espectáculo Virxinia: unha muller espida. A función, prevista para as 12.30 horas e dirixida ao alumnado do IES Terra de Soneira, incorpora tamén as artes escénicas como ferramenta de reflexión e sensibilización arredor da violencia contra as mulleres.
A concelleira de Benestar, María José Pose, destaca a importancia de «traballar a igualdade e a prevención da violencia de xénero desde as primeiras idades. Queremos que as nenas e os nenos aprendan a valorarse, a respectarse e a identificar aquelas situacións nas que non deben renunciar á súa liberdade nin á súa identidade. A educación é unha ferramenta esencial para construír unha sociedade libre de violencia».
A campaña «Semprevivas» pon o foco na importancia de medrar con autoestima, liberdade e respecto, porque aprender a quererse e a respectarse tamén é previr a violencia.
SEMPREVIVAS. Que ningunha persoa perda nunca a súa esencia, a súa voz nin o seu valor.