El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

PREMIOS MESTRE MATEO

A Coruña acollerá a celebración da XXV edición dos Premios Mestre Mateo coa colaboración da Deputación

18-11-2026 13:08:30
A deputada de cultura, Natividade González.

REDACCIÓN | A Coruña acollerá o vindeiro 27 de febreiro a gala da 25ª edición dos Premios Mestre Mateo, os principais galardóns do audiovisual galego, que contan co apoio da Deputación da Coruña. A celebración desta edición especial, que conmemora os 25 anos dos premios, foi presentada hoxe nun acto no que participaron a deputada de Cultura, Natividade González; a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Alba Gallego; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego Vázquez. 

A edición deste ano conta coa participación de 393 profesionais e 155 producións audiovisuais, que competirán nas distintas categorías dos galardóns. A gala celebrarase en Palexco e estará precedida por un programa de actividades que permitirá achegar ao público as obras candidatas e visibilizar a diversidade e o talento do sector audiovisual galego. 

Durante a presentación, Natividade González cualificou esta XXV edición dos Premios Mestre Mateo de «moi especial», tanto pola conmemoración dos 25 anos de recoñecemento ao talento e á creatividade do audiovisual galego como polo feito de que a gala se celebre na cidade da Coruña. A deputada destacou a profunda transformación experimentada polo sector neste cuarto de século, “tanto nas formas de producir, traballar e distribuír como nos hábitos de consumo, coa chegada das plataformas dixitais e de novas maneiras de contar historias e chegar ao público”. Nese sentido, sinalou que “se algo demostrou o audiovisual galego ao longo destes anos é que temos talento, temos profesionais e temos capacidade para contar historias propias que poden chegar a calquera parte do mundo”. 

González puxo tamén o foco no traballo das numerosas persoas que están detrás de cada película, serie ou documental e que contribuíron a construír un sector que hoxe é «unha parte fundamental da nosa cultura e tamén da nosa economía». Neste sentido, reafirmou o compromiso da Deputación co apoio ao audiovisual, entendido como unha aposta pola cultura, pola lingua galega e por unha industria que crea emprego e oportunidades. A deputada incidiu na necesidade de seguir apoiando a creación e a produción propia, mellorar as condicións laborais dos profesionais e garantir que as historias contadas desde Galicia teñan espazo e visibilidade. Así mesmo, reivindicou os Premios Mestre Mateo como algo máis ca unha gala: «Son un punto de encontro para o sector, unha oportunidade para celebrar os seus éxitos e tamén para reivindicar o seu futuro». 


155 producións e 393 profesionais na 25ª edición 

A Academia Galega do Audiovisual abrirá este xoves 19 de novembro a primeira rolda de votacións, na que os seus membros escollerán as obras e os profesionais finalistas. Os nomes seleccionados daranse a coñecer o 23 de decembro. 

Entre as producións participantes figuran 30 videoclips, 24 curtametraxes documentais, 21 curtametraxes de ficción e 7 de animación, ademais de 9 longametraxes documentais, 4 longametraxes e 6 longametraxes en lingua non galega. No apartado das series concorren 4 producións en galego e 3 noutras linguas. Tamén participan 13 propostas de programas informativos, divulgativos ou de actualidade, 18 de variedades e entretemento e 16 anuncios publicitarios. 

Esta edición incorpora cambios na estrutura das categorías para representar mellor a diversidade de formatos e recoñecer as particularidades dos diferentes ámbitos do sector. Entre as principais novidades está a diferenciación das categorías de Mellor Longametraxe e Mellor Serie en producións en lingua galega e noutras linguas, co obxectivo de reforzar a visibilidade do audiovisual realizado na nosa lingua. 

Tamén se modifica a distribución das categorías televisivas, que distingue entre programas informativos, divulgativos e de actualidade e os de variedades e entretemento. A dirección contará con categorías específicas para longametraxe, serie e programa, mentres que a comunicación se dividirá en dúas modalidades. 


Actividades previas á gala na Coruña 

A celebración dos 25 anos dos Premios Mestre Mateo estará acompañada dunha programación de actividades organizada pola Academia Galega do Audiovisual para achegar as obras candidatas ao público. 

O calendario comezará o 26 de novembro cunha maratón de proxección das curtametraxes de ficción e animación candidatas nos Cantones Cines da Coruña. O 29 de novembro será a quenda das curtametraxes documentais, cunha sesión en Culturgal, mentres que o 10 de decembro terá lugar un encontro arredor das candidaturas de videoclips, que reunirá profesionais desta categoría. 

O 23 de decembro anunciaranse as obras e os profesionais finalistas que competirán polos galardóns na gala do 27 de febreiro en Palexco.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias