REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, advertiu a Alfonso Rueda no Parlamento que as galegas “van a frear a involución machista” do PP coa forza do feminismo, das mulleres que “queren vivir nunha Galiza onde poidan ter liberdade e igualdade” e co apoio do BNG. “Non imos permitir nun un só paso atrás”, proclamou.
Ás portas do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, Pontón criticou na sesión de control a Rueda o suposto feminismo do seu partido e reprochoulle que moitas galegas continúan preguntándose a día de hoxe se teñen garantido ou non o seu dereito á igualdade.
Moito máis, engadiu, tras escoitar que “a gran proba do feminismo do Partido Popular é que Feijóo se criou entre mulleres”, reprochou para lamentar as declaracións do agora candidato do PP á Presidencia do Goberno central.
A líder nacionalista recordou que en Galiza “é ben coñecido o feminismo do Partido Popular e de Feijóo” que empezaron coa súa chegada á Xunta cuestionando o dereito das mulleres a poder decidir sobre o seu corpo e blindando por lei o financiamento dun “chiringuito antiabortista da órbita do PP”, en alusión á denominada RedeMadre.
Neste sentido, lembrou tamén a supresión do Servizo Galego de Igualdade. “Agora xa sabemos que Feijóo di que, se chega ao Goberno, tamén vai suprimir o Ministerio de Igualdade: cando dicimos que todo pasou antes en Galiza é por algo”, afeou aos populares, aos que reprochou que tamén puxeran en marcha campañas institucionais do 25N que responsabilizaban ás mulleres de posibles agresións sexuais ou que mesmo recortaran a contía das axudas ás vítimas de violencia machista en plena crise económica.
Mais a “involución machista do Partido Popular” conta tamén con moitos outros fitos, afondou, como privatizar os centros de crise 24 horas, “facendo negocio coas súas vítimas” ou incumprir a Lei de Violencia de Xénero.
“Dezasete anos no Goberno e nin tan sequera son capaces de garantirlle ás mulleres deste País os dereitos que teñen recoñecidos nesa lei, empezando por garantirlle atención psicolóxica en atención primaria”, criticou, para advertir a continuación que o Consello de Contas alertou recentemente sobre o baixo investimento en prevención, a falta de persoal polos recortes do PP ou que a rede de acollemento non é pública.
“E cando vostede tivo que escoller entre poñerse do lado dun presunto agresor ou dunha muller que denunciaba, vostede apoiou ao primeiro”, criticou a un Rueda ao que criticou que, á hora de defender os dereitos das mulleres, “o Partido Popular sempre está en contra e agora abrazan ese discurso negacionista da estrema dereita coa que gobernan”. “O que fan é darlle oxíxeno aos discursos que negan a violencia machista e que matan”, sintetizou.
A líder nacionalista volveu defender a proposta de destinar 140 millóns de euros para a loita contra a violencia machista e criticou ao presidente da Xunta que o PP rexeitara a medida no debate orzamentario, pese ás cifras “arrepiantes” dun País no que desde 2008 foron asasinadas 62 galegas, no que hai máis de 49.000 mulleres rexistradas no VioGen, que en 2005 acumulou 8.100 denuncias e 1.216 ordes de protección.
“Falamos de 22 denuncias diarias por violencia de xénero e sabemos que isto é só a punta do iceberg”, remarcou Pontón, quen afeou a Rueda que dixera que non coñecía a ninguén que cuestionara a igualdade das mulleres. “Son cos que o Partido Popular quere gobernar se pode a partir do próximo 29 de novembro”, recordoulle.
A portavoz nacional replicoulle que “hipocresía, electoralismo barato e politiqueo é pactar con quen nega a violencia machista”, unha liña vermella que “ningunha persoa que crea na igualdade pode sobrepasar”. “Pero xa sabemos que ao Partido Popular impórtalle máis chegar ao poder que as mulleres”, denunciou.
Pontón subliñou que a defensa da igualdade non é unha proclama, senón que hai que demostrala e, neste sentido recordou como Feijóo defendeu a un deputado de Vox condenado por violencia machista argumentando que “tivera un divorcio moi duro”; como o PP galego reivindicou como exemplo de loita contra a violencia a un concelleiro tamén condenado por violencia machista; como un exalcalde foi recolocado por Rueda na Consellería de Educación despois de dicir que “as mulleres sangran sen cortarse e tocan as narices sen achegarse”; ou como os populares non actuaran ante un dos seus deputados que dixo textualmente que “as leis son como as mulleres, están para violalas”.
Nesta liña, tamén lembrou como o propio Feijóo afirmou nun debate parlamentario sobre ela mesma que “a señora Pontón estaba moi necesitada”. “Non vin ningunha palabra de solidariedade nin de condena do seu partido”, recordou para deixarlle ben claro ao titular do Executivo que “leccións de feminismo do PP ao BNG, ningunha”.
A líder nacionalista lamentou que, como fai habitualmente, Rueda evitase responder ás preguntas que lle formulou e non explicase por que recortou fondos para a loita contra a violencia machista en 2026, por que no ano 2025 deixou sete millóns de euros sen executar nun ámbito tan importante como este ou por que “gastan máis” en agasallos fiscais aos máis ricos que en protexer ás mulleres que sofren violencia.
Por iso, criticou que o PP vetase a proposta do BNG para destinar unha partida de 140 millóns á loita contra a violencia machista. “Vostedes votan ‘Non’ porque lles parece moito cando vemos como neste País hai mulleres que teñen problemas gravísimos, que non teñen nin a atención nin o apoio psicolóxico que necesitan porque faltan recursos para loitar contra a violencia machista”, afeoulle. “O seu goberno di ‘Non’, pero que saiban que as mulleres deste País vanlle dicir ‘Si’ aos seus dereitos e ao feminismo”, concluíu.