El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Ana Pontón: "A esperanza neste País é o BNG"

20-11-2026 14:24:48
Ana Pontón (c), na Coruña.

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu desde A Coruña un voto masivo para o BNG porque en Galicia é a mellor alternativa este 29N para frear a onda reaccionaria que quere retroceder en dereitos, liberdades e vida digna. 

“A esperanza neste País é o BNG”, afirmou nun acto en apoio aos movementos sociais antifascistas no marco da data simbólica do 20N xunto ao cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, no que lembrou a todas as persoas que loitaron en Galiza “pola democracia, pola liberdade e polos dereitos” e a todas as que durante “a longa noite de pedra que significou o Franquismo” sufriron o exilio, a represión e mesmo “pagaron coa súa vida a defensa de Galiza e da democracia”.  

“Coñecer a nosa historia axúdanos a non repetir os erros do pasado e estamos nun momento no que algúns queren levarnos cara atrás e desde o BNG o que dicimos é que este é o momento de avanzar, de defender Galiza, de defender máis dereitos e liberdades e o dereito a unha vida digna e non permitir nin un só paso atrás”, proclamou, logo de poñer en valor o traballo desenvolvido polo pobo galego para a recuperación da dignidade e da memoria das vítimas e para poñer fin ao espolio “que permitiron con bens que directamente o Franquismo lle roubara a este País”. 

Neste sentido, considerou “un orgullo” que Galiza sexa o único lugar de todo o Estado onde os Franco tiveron que devolver bens espoliados, como o Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as estatuas de Isaac e Abraham, e avanzou que o BNG vai seguir traballando nesta liña porque “esta é unha cuestión de dignidade, de democracia e de xustiza”. 

A líder nacionalista advertiu da “onda reaccionaria” que percorre o mundo e que o quere é “levarse por diante dereitos” e, neste contexto, denunciou como o PP está cuestionando un dereito básico dos traballadores como é que “se estás enfermo, poidas coller unha baixa laboral”. “Iso é o que están facendo Feijóo e Rueda e o 29 de novembro para frear calquera involución nos dereitos dos traballadores e traballadoras a papeleta que hai que coller é a do BNG”, remarcou. 

A portavoz nacional tamén sinalou como esa onda reaccionaria cuestiona así mesmo os dereitos das mulleres, dereitos que custou moito conquistar e que aínda son insuficientes porque segue habendo desigualdades e violencia machista. “E, por riba, temos que soportar que nos chamen feminazis por dicir que queremos unha Galiza de mulleres libres e iguais, pois o 29 de novembro as mulleres deste País imos paralos coa papeleta do BNG”, remarcou. 

Unha onda reaccionaria, afondou, que tamén quere cuestionar dereitos básicos como o da vivenda ou o dunha vida digna, o que exemplificou nas políticas de Núñez Feijóo, que durante a súa etapa á fronte da Xunta dinamitou a política social de vivenda e favoreceu unha especulación que “hoxe leva a prezos desorbitados e a que moitos mozos e mozas deste país teñan como aspiración poder alugar unha habitación”. 

“Ese non é un futuro nin un horizonte de prosperidade e para frear ese retroceso nos dereitos básicos da cidadanía, a papeleta que hai que coller é a do BNG”, apelou, para a continuación facer un chamamento a que este 29N “ninguén quede na casa” e vote polo Bloque. 

“Xogámonos que nun momento crucial no que se están producindo grandes cambios no mundo, Galiza tamén sexa un faro de esperanza e esa esperanza neste País é o BNG”, incidiu logo de reivindicar ao Bloque como a forza que representa a toda “esa mocidade rebelde que está loitando pola vivenda e que está dicindo que é antifascista”. 

A esperanza tamén, engadiu, de todas as mulleres que queren seguir avanzando en dereitos e de todas as persoas que “non queren dar nin un só paso atrás” en ningún dereito nin en ningunha liberdade. Neste contexto, remarcou que “é o momento de avanzar”, dado que os galegos e as galegas están perdendo calidade de vida, recursos e oportunidades e vendo como se quere roubar o futuro de toda unha xeración de xente nova á que hai que defender. 

Por iso, apelou a concentrar na papeleta do BNG todo ese voto de orgullo de País, todo ese voto que quere conquistar dereitos e liberdades e todo ese voto que quere políticas avanzadas e que non quere dar ni un so paso atrás, sabendo ademais que “cada escano que gane o BNG será un escano menos para ese bloque reaccionario”. 

“Se o facemos, o próximo 29 o que imos comprobar é como en Galiza somos capaces de avanzar”, afirmou para concluír facendo un chamamento a “votar con alegría e sen medo” e a “coller a papeleta do BNG que é a que representa a esperanza deste País”. 


Néstor Rego

Pola súa parte, Néstor Rego, aludiu á data simbólica do 20N e deixou claro na Coruña que “Galiza quer deixar atrás definitivamente períodos ben escuros da súa historia”. “Queremos que este País poida seguir avanzando, e facémolo da man dunha magnífica mocidade galega antifascista que leva dado reiteradas mostras de firmeza democrática e de defensa de dereitos sociais e mellores condicións sociais e laborais”, recalcou. 

O cabeza de lista ao Congreso pola Coruña destacou que o pobo galego ten unha traxectoria exemplar de loita contra o fascismo e tamén de loita pola dignificación da memoria das vítimas do Franquismo. 

En relación á Casa Cornide afirmou que “é un exemplo de que temos que seguer a traballar por recuperar o roubado polo Franquismo“ e exemplificou o Pazo de Meirás como un símbolo da loita de moitos galegos e galegas, na que participou o BNG, que logrou que fose recuperado para o patrimonio público. Por iso, animou a continuar a traballar para que sexa un lugar de memoria referencial. 

Rego advertiu de que nestas eleccións hai forzas que defenden medidas racistas, homófobas, antigalegas e antisociais e dixo que “temos que enfrontalas con decisión na rúas e nas urnas”, polo que animou a manter viva a mobilización feita o 11N polos dereitos, a vivenda e contra o fascismo porque se “se traslada ás urnas, conseguiremos que Galiza teña máis peso e conte e tamén lograremos o obxectivo clave de parar ás dereitas reaccionarias no país. Cada escano que gaña o BNG é menos para eles”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias