Prevese que o plan afecte a seis millóns de metros cadrados
11-01-2008
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou en Salceda de Caselas (Pontevedra) a adxudicación do primeiro plano sectorial de solo residencial de Galiza, unha iniciativa pioneira no Estado a través da cal a Xunta poderá cualificar solo residencial nos concellos de toda Galicia, independentemente da existencia ou non existencia de planeamento urbanístico nese concello.
Segundo explicou Quintana, ao abeiro deste plano nos vindeiros oito anos cualificaranse en Galiza 6 millóns de metros cadrados como solo residencial, o que permitirá a construción de 40.000 novas vivendas protexidas. Así o anunciou o vicepresidente autonómico no decurso dunha visita ao concello de Salceda de Caselas, onde estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas.
Quintana lembrou que o acceso á vivenda é unha das maiores preocupacións sociais na actualidade, debido á dificultades que existen para facer fronte ás hipotecas e á falla de solo nos concellos. "No Estado español fálase moito de facer vivenda, de facer pactos pola vivenda, pero de que valen os pactos se despois non hai solo para facela", apuntou o vicepresidente da Xunta, quen afirmou que hai que ter "valentía política" para dar o paso necesario para dispoñer de solo, "e o Goberno galego acaba de dar ese paso". O vicepresidente explicou que este novidoso plano sectorial baséase nunha figura de ordenación urbanística que nunca se tiña utilizado antes en España e permitirá atallar dous problemas clave: por unha banda facilitará o acceso dos cidadáns á vivenda e por outra conseguirá que, nunha situación de recesión económica, o sector da construción teña campo de traballo para seguir xerando riqueza. "Agora si que podemos facer e faremos un gran pacto pola vivenda en Galiza", sentenciou Quintana.
Para o vicepresidente da Xunta o primeiro plano sectorial de solo residencial de Galiza servirá para dar resposta a un dos maiores problemas cos que se atopa a poboación: o acceso á vivenda de calidade. Segundo explicou Quintana, na actualidade os cidadáns teñen cada vez máis problemas para facer fronte ó pago dunha hipoteca e a construción da vivenda libre está a experimentar un diminución. Para Quintana o Goberno debe facerse responsable e garantir o acceso dos cidadáns á vivenda, pero nesta tarefa o principal problema co que se atopa é a falla de solo. "Atopámonos con moitos concellos que non teñen planeamento ou tendo planeamento non teñen solo para facer vivenda protexida", apuntou, un problema que terá a solución a través do plano sectorial de solo residencial de Galiza.
Vivenda en Salceda
No decurso da visita institucional do vicepresidente da Xunta e a conselleira de Vivenda e Solo ao concello pontevedrés de Salceda de Caselas asinouse co alcalde da localidade, Marcos Besada Pérez, o protocolo de colaboración para dotar ao concello dunha gran parque público e dun núcleo de vivenda protexida.
A través da colaboración establecida entre a Consellería de Vivenda e Solo e o concello de Salceda de Caselas aproveitarase unha superficie de 50.000 metros cadrados colindante co núcleo urbano de Salceda para construír nela un gran parque público destinado ao lecer e goce dos habitantes do lugar. Este espazo completarase coa construción dun núcleo de vivenda protexida, que en ningún caso superará os índices de edificabilidade de 0,5 m2/m2. Nesta área estaba previsto inicialmente crear un parque empresarial, pero esta idea finalmente foi desbotada debido á proximidade de núcleos habitados e á existencia dun río que require especial protección.
O investimento aproximado para a creación do parque público - no que se inclúe o tratamento do río que transcorre polo lugar e a urbanización e humanización do parque- ascende a 3 millóns de euros. Ademais, investirase outro millón de euros na mellora das conexións viarias co núcleo de Salceda. Segundo as previsións que manexa a Consellería de Vivenda e Solo, as actuacións para a creación deste espazo verde comezarán ao longo do presente ano.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias