BIC Galicia está a transferir as súas metodoloxías e ferramentas en materia de emprendemento a entidades de México, Venezuela e Colombia, no marco de iniciativas de cooperación internacional impulsadas pola Comisión Europea, nun dos casos, e pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), en outros dous. A sociedade dependente do Igape ten como obxectivos fundamentais os de promover a creación, promoción, preparación e desenvolvemento de empresas independentes e innovadoras, de acordo cos modelos e directrices da Comisión das Comunidades Europeas para os Centros Europeos de Empresas e Innovación (CEEI). BIC Galicia desenvolve cada ano un intenso labor nos eidos da formación, asesoramento e titoría a novos emprendedores, para o que dispón dun amplo abano de instrumentos e ferramentas que ten transferido tanto a entidades doutras comunidades de España como a entidades doutros países. No caso da colaboración con México, a transferencia de coñecemento e tecnoloxía faise no marco do programa PIAPYME, posto en marcha pola Comisión Europea e a Secretaría de Economía do Goberno Mexicano e xestionado polo Centro Empresarial México-Unión Europea (CEMUE). Este programa está orientado a fortalecer as relacións económicas, comerciais e empresariais entre México e a Unión Europea. O PIAPYME inclúe unha ampla serie de actividades de asistencia técnica, de capacitación e de servizos de información dirixidas a empresas individuais, grupos de empresas e operadores mexicanos e europeos tanto públicos como privados. BIC Galicia está a transferir a súa tecnoloxía en materia de emprendemento e consolidación de empresas en colaboración coa Rede Mexicana de Cámaras de Comercio, ao amparo dun acordo asinado co CEMUE. O proxecto de cooperación consiste na adaptación ao territorio mexicano e para a súa utilización pola Rede Mexicana de Cámaras de Comercio, das metodoloxías e ferramentas propiedade de BIC Galicia destinadas ao apoio a emprendedores e empresarios. Este ano xa se desenvolveu en México, de xeito satisfactorio, a primeira edición do curso de creación de empresas baseado nas metodoloxías de BIC Galicia. O proxecto de cooperación e transferencia de coñecemento e tecnoloxía veuse desenvolvendo durante todo o ano 2007. Emprendemento con Venezuela Por outra banda, BIC Galicia participou igualmente no deseño do proxecto de desenvolvemento do emprendemento no estado venezolano de Aragua, presentado polo Consello de desenvolvemento económico, tecnolóxico e de exportación (CODET) dese estado de Venezuela diante da Axencia española de cooperación internacional (AECI). O obxectivo deste proxecto de colaboración é promover a implantación dun modelo de creación de empresas e de apoio a emprendedores e microempresas no estado de Aragua; con ese obxectivo serán transferidas ao CODET as metodoloxías e ferramentas elaboradas por BIC Galicia, xunto coa correspondente asistencia técnica e formativa. Logo dunha visita a Galicia do director do CODET de Aragua, Agustín Pérez Cardoza, para coñecer o contorno empresarial e de emprendemento para o que foron deseñados os materiais e ver as necesidades de adaptación, o proxecto seguirá a desenvolverse durante o ano 2008. A colaboración con Colombia desenvolvese no marco do programa ERICA: ?España y sus Regiones Intercambian Conocimientos con Antioquia?, na procura dun desenvolvemento máis igualitario. A iniciativa está destinada a impulsar o intercambio e a transferencia de coñecementos e boas prácticas entre rexións españolas e dese país latinoaméricano. Con este programa, a AECI impulsa unha nova forma de entender a cooperación para o desenvolvemento económico baseada no fomento das relacións e a transferencia de experiencias entre institucións españolas e as súas homólogas da rexión colombiana de Antioquia. O obxectivo último destes intercambios é fortalecer os servizos público-privados que ofrece esa rexión colombiana en materia de emprendemento, innovación e desenvolvemento empresarial, local e tecnolóxico. O Sistema de Valoración e Detección de Oportunidades de Negocio e a súa ferramenta principal, o conxunto de Guías de Actividade Empresarial elaborado por BIC Galicia, foi unha das boas prácticas escollidas polas instituciónes antioqueñas, por unanimidade, no marco deste proyecto de cooperación internacional. O sistema será adaptado e plasmado nun produto novo que se axuste á realidad antioqueña, ás súas necesidades e ás posibilidades de actuación e desenvolvemento que o modelo require para ser eficiente. BIC Galicia e o Igape seguirán colaborando durante o ano 2008 na execución deste Proxecto.