Abrirase outra en Ons nos próximos meses
07-04-2008
As Consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos e Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible instalaron unha estación océano-meteorolóxica ao sur das Illas Cíes, dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas, coa colaboración da Universidade de Vigo.
Ata agora, a rede deste tipo de instalacións existente no litoral galego estaba integrada por dúas unidades en Cortegada e Rande, que se puxeron en marcha o pasado mes de novembro. Nos próximos meses, procederase a colocar unha nova instalación nas inmediacións da Illa de Ons.
Con esta rede, preténdese coñecer mellor as augas costeiras de Galicia, xa que recolle datos en tempo real de diferentes variables, como poden ser a temperatura do aire, a dirección e velocidade das correntes mariñas ou a salinidade e temperatura da auga a diferentes profundidades. Toda esta información é transmitida a unha estación en terra.
Predicción do tempo
A posta en marcha desta rede inclúese dentro do proxecto 'Easy', que ten por obxectivo desenvolver un sistema que mellore as capacidades de predición do tempo mariño en Galicia. Ademais, tamén se pretende que posibilite coñecer con antelación as traxectorias dos contaminantes do mar, contribuíndo así á seguridade mariña.
Esta iniciativa conta coa participación de diferentes organismos de varios países europeos. Nesta liña, na primeira semana de marzo, celebrouse en Compostela unha reunión de traballo na que participaron oceanógrafos de España, Francia, Portugal, Reino Unido e Irlanda.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias