09-04-2008
O Consello Regulador das denominacións xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia sumouse á reivindicación das cinco entidades que certifican a produción vitivinícola das denominacións de orixe (D.O) Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas para recibir un tratamento diferenciado e permanecer á marxe do anteproxecto de Lei Integral en materia de drogodependencias e outros transtornos aditivos.
Os presidentes dos cinco consellos reguladores denunciaron a semana pasada a súa desconformidade con que se vinculase o consumo de viño cunha drogadicción ou un problema adictivo. E defenderon que, de impulsarse unha nova regulación do que consideran un alimento propio das dietas atlántica e mediterránea, se aglutine nun regulamento específico.
A entidade que regula a produción de Licor de Herbas, Licor Café e Augardente de Herbas subliña o carácter tradicional destas bebidas, a súa calidade e vinculación ao medio rural. Por iso, reclaman un tratamento diferenciado fronte a outras producións alcohólicas destiladas por contar co amparo dunha certificación de calidade.
Son setenta as empresas galegas que comercializan este tipo de licores e augardentes. O Consello Regulador recorda que o 70% das vendas realízase a hoteis e restaurantes, lugares nos que, como sosteñen, os mozos non poden adquirir estas bebidas alcohólicas. Tamén reiteran complementar a produción dos viños de calidade, dado que un 95% das empresas dedicadas á destilación e comercialización de Augardente de Galicia a realizan empresas vitivinícolas.
Adegueiros de Galicia
Pola súa banda, a Asociación de Empresarios Adegueiros de Galicia tamé solicitou á Consellería de Sanidade a retirada de calquera referencia ao viño no Anteproxecto de Lei Integral en materia de drogodependencias e outros transtornos aditivos por considerar que non se pode regular de igual modo o viño e as bebidas destiladas que o xogo, o tabaco, os estupefacientes ou as sustancias químicas.
Recoñecen que o texto diferencia entre o viño e outro tipo de bebidas pero se opón a que se meta no mesmo saco", así como a súa vinculación co 'botellón', unha das finalidades que persegue, segundo sosteñen, esta normativa. Insisten en que o viño é un produto asociado á cultura galega e o sostén económico de "amplas zonas rurais" da comunidade. As producións de calidade e o consumo moderado deste tipo de bebida, fronte a inxestas abusivas, foron os principais obxectivos dos adegueiros.
Nesa liña, sinalan que non se opón a que as leis regulen aspectos relacionados co viño como pode ser o caso da publicidade. E destacan que aplicar unha mesma regulación a dúas situacións distintas é "ineficaz, innecesario e inxusto". Tamén agregan que non afectará aos mozos aos que se restrinxa a publicidade do viño.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias