14-04-2008
A unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á comunidade informou sobre a detención de cinco persoas, ás que imputan delitos de incendios forestais en Vilaboa (Pontevedra), Salvaterra de Miño (Pontevedra), Porto do Son (A Coruña) e Boiro (A Coruña); o que eleva a 41 os detidos por este tipo de accións no que vai de ano.
En Pontevedra, polo incendio de Vilaboa, foron arrestados dous homes de 55 e 37 anos (A.S.F. e J.V.F.) que, ao parecer, provocaron un incendio a consecuencia duns traballos de queima. Neste arderon 0,8 hectáreas de monte raso. Ambos foron postos en liberdade con cargos tras comparecer ante o xulgado de garda de Cangas.
Por outra banda, a unha muller de 58 anos, J.P.C., impútanlle un incendio forestal en Salvaterra de Miño, ocorrido o pasado 4 de marzo. Ao parecer, este foi consecuencia dunha queima de restos na que non se gardaron as medidas de seguridade requiridas, polo que as chamas propagáronse a leiras lindeiras arrasando 0,30 hectáreas de monte raso. Por estes feitos, instruíronse dilixencias, que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de garda de Ponteareas.
Outra muller, D.T.B., de 67 anos, foi arrestada como presunta incendiaria en Boiro por un incendio rexistrado o pasado domingo. Neste arderon 0,16 hectáres de superficie rasa, tamén polo escape dunha queima. O xulgado de garda de Ribeira instrúe o caso.
Finalmente, a quinta detida é R.C.D., unha muller de 71 anos, que supostamente causou un accidente forestal que afectou a 0,03 hectáreas en Porto do Son. O lume detectouse o pasado sábado, tamén por un escape dunha queima que fixo que as chamas alcanzasen unha zona de árbores. O xulgado de garda de Noia encárgase do caso.
En todos os incendios, foi necesaria a actuación do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias