A dinamización dos investimentos empresariais en Galicia e a conseguinte xeración de novos postos de traballo son os obxectivos fundamentais procurados polas novas bases de axudas a proxectos empresariais de investimento, presentadas hoxe polos directivos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Facenda, durante unha xornada informativa organizada en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) que se desenvolveu en Santiago. Unha das novidades máis salientables das novas axudas está na intensificación dos graos de apoio, de modo que a porcentaxe de subvención a conceder polo Instituto a proxectos de investimento subirá nun 7% con respecto ao ano anterior. Deste xeito, as subvencións medias concedidas polo Igape poderán oscilar entre un mínimo do 15% ata superar o 20% dos investimentos subvencionables, dependendo do emprego a crear e da localización do investimento. O novo marco de axudas do Igape para impulsar o investimento e a competitividade caracterízase polo incremento dos niveis de apoio, aplicables a un abano mais amplo de investimentos apoiables, por poñer un maior énfase no investimento e na innovación tecnolóxica e pola flexibilización dos requisitos para facilitarlle o acceso ao solicitante. Así, nas subvencións a grandes investimentos, o orzamento mínimo subvencionable pasa de 600.000 a 500.000 euros. No caso dos investimentos nas comarcas de Ferrolterra, Costa da Morte e Valdeorras, o investimento mínimo apoiable será de 200.000 euros. En proxectos de servizos avanzados intensivos en creación de emprego, serán subvencionables tamén os proxectos que superen os 200.000 euros de investimentos e contemplen a creación de polo menos dez novos postos de traballo, en lugar dos 15 requiridos no anterior marco. No caso dos proxectos impulsados por novos emprendedores, os incentivos para apoiar os investimentos son igualmente abertos, en concorrencia non competitiva, para facilitar o acceso dos novos empresarios ao financiamento, que poderá cubrir nesta nova concepción os custos de obra civil para construcción, reforma ou habilitación de instalacións, así como apoiar investimentos nun maior número de actividades empresariais. Apoios á Internacionalización Por outra banda, e para dar un novo pulo á proxección exterior das empresas galegas, o Igape publicará proximamente unhas bases específicas para incentivar a internacionalización. Esta normativa completará o abano de servizos que o Instituto xa viña pondo ao servizo das empresas que apostan pola súa expansión. Entre as novidades máis destacadas, o Igape apoiará a prospección e primeira implantación comercial no estranxeiro, facilitará a concorrencia a licitacións internacionais e primará as iniciativas de carácter colectivo e os mercados de maior crecemento económico. A organización de misións tecnolóxicas fóra de Galicia co obxecto de adquirir e/ou transferir tecnoloxía e/ou, no seu caso, coñecementos aplicables á actividade das empresas representadas, é outra das novidades neste ámbito. A través desta liña específica para apoiar a internacionalización, o Instituto dará tratamento especial as iniciativas de carácter colectivo impulsadas mediante agrupacións empresariais e organismos intermedios, e apostará por apoiar especialmente a implantación comercial de empresas galegas nos mercados emerxentes de máis alto crecemento: Brasil, Rusia, India, China e México, así como nos países que veñen de incorporarse á Unión Europea. Formación empresarial para directivos Para impulsar a mellora da competitividade do tecido empresarial galego, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) oferta este ano, como novidade salientable, axudas para a formación en xestión empresarial de directivos, mandos intermedios ou equipos técnicos das pemes galegas. Xunto coas liñas de especialización profesional e creación de espazos de innovación, debe contribuir ao obxectivo común de acadar a mellora da competitividade das pemes galegas mediante a formación especializada do seu capital humano. Así, no ámbito da base reguladora dos apoios para a mellora da competitividade das empresas galegas, o Instituto incorpora esta nova liña de axudas para achegar formación especializada en xestión empresarial para directivos, cadros medios e persoal técnico cando forme equipo (forza de ventas, equipo de producción, ...). Esta liña é unha das novidades máis salientables que se incorporan aos apoios e incentivos xerais habilitados polo Instituto para 2008, e ten como finalidade ampliar e mellorar as habilidades en xestión empresarial de directivos, mandos intermedios ou equipos técnicos de Pemes galegas. No caso das Pemes individuais, para poderen beneficiarse desta liña de axudas as empresas deberán ter polo menos 10 traballadores por conta allea e terán que presentar un programa formativo dirixido polo menos a 5 alumnos que cumpran as condicións de directivo, mando intermedio, ou membros do equipo técnico. No caso das asociacións e agrupacións empresariais, deberán presentar un programa formativo dirixido a un mínimo de 10 persoas de polo menos 5 Pemes distintas. As axudas consisten en subvencións a fondo perdido que cubren o 45% dos custos subvencionables dos programas formativos, co límite de 6.000 ? por proxecto. Os incentivos servirán para subvencionar os custos externos de formación. Neste caso, as subvencións resolveranse por concorrencia competitiva. As pemes ou asociacións empresariais interesadas en solicitar esta axuda deberán cumprimentar o cuestionario correspondente a través da aplicación telemática establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es ata o 12 de maio deste ano, data coincidente coa do peche das convocatorias das outras liñas de formación do capital humano mencionadas.