21-04-2008
A conselleira de Sanidade, María José Rubio, subliñou que durante 2007 iniciáronse 20 proxectos de investigación financiados polo seu departamento nos distintos centros do sistema sanitario. Neste sentido, afirmou que o orzamento dedicado en 2007, que ascendía a 450.000 euros, "incrementouse este ano ata 675.000 euros", algo que supón un aumento dun 50%.
A conselleira de Sanidade fixo estas declaracións no acto inaugural da I Xornada de Investigación Biomédica, que se celebrou en Vigo e na que a titular autonómica destacou que se trata dunha ocasión "para dar a coñecer á sociedade o traballo dos grupos que investigan, tanto no sistema sanitario como universitario, en biomedicina e ciencias da saúde".
A xuízo de María José Rubio, desde a Consellería de Sanidade puxéronse en marcha "os elementos imprescindibles para a xeración de equipos investigadores sólidos e a consolidación dos que xa levan tempo traballando nos centros sanitarios".
Máis recursos humanos
Respecto á potenciación dos recursos humanos dedicados á investigación, a conselleira de Sanidade afirmou que desde 2005 estanse incorporando investigadores aos centros sanitarios de "xeito estable, a través de convenios asinados co Instituto de Saúde Carlos III". Neste sentido, anunciou que "como resultado destas actuacións, incorporarase ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo un grupo de investigación liderado por José Esteban Castelao sobre epidemiología xenética en cancro, a través da colaboración con outros grupos de investigación en Galicia, Portugal e Estados Unidos".
A conselleira referiuse a que en febreiro asináronse convenios para constituír os institutos de investigación sanitaria da Coruña e de Santiago coas universidades correspondentes, e subliñou que "nestes momentos estamos moi avanzados no traballo coa Universidade de Vigo para crear o instituto de investigación sanitaria aquí, que será o impulso definitivo para a actividade investigadora en biomedicina e ciencias da saúde na área de Vigo".
Neste sentido, mostrou o afán de Sanidade para que este instituto "se sitúe no nivel que lle corresponde, pola complexidade dous seus centros sanitarios e a actividade da Universidade, e que constitúa un polo de atracción para investigadores que agora traballan fora de Galicia".
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias