12-05-2008
O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Ignacio López-Chaves Castro, considera que os datos do Instituto de Comercio Exterior (organismo con personalidade xurídica propia adscrito á Secretaria de Estado de Turismo e Comercio do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio) confirman a practicamente nula repercusión económica que tivo para Galicia a participación da Xunta na Feira do Libro da Habana do ano 2008.
O PPdeG recorda que, a día de hoxe, aínda se descoñece o custo total que a participación nesa Feira tivo para os fondos públicos e apunta que a Xunta de Galicia continúa negándose a facilitar información e documentación sobre os custos totais de preparación, organización e celebración do certame.
A Consellería de Cultura recoñece agora un gasto de 1.300.000 euros pola participación, pero oculta datos sobre o custo de preparación e organización e a participación doutros organismos públicos no financiamento da expedición. De feito, cálculos efectuados polo PPdeG cifran ese "dispendio" en arredor de 2 millóns de euros.
Preto de 250 persoas viaxaron á Habana con gastos pagados con fondos públicos, sen que ata a data a Xunta de Galicia enviase ao Parlamento un só papel ou documento sobre es facturas ou expedientes, a pesar de ter sido solicitados pola vía regulamentaria hai xa case tres meses. A Consellería de Cultura gastou máis en 15 días na Feira da Habana que en todo o ano 2007 en fomento da Lectura en Galicia ou máis que todo o gastado no ano 2007 no denominado ?salario da liberdade?.
O PPdeG tamén denunciou o escaso interese comercial que ten a Feira do Libro da Habana, que nin sequera estaba incluída polo Ministerio de Cultura entre os certames máis importantes de Hispanoamérica, o que fai aínda máis inxustificable o gasto.
Segundo o ICEX, no mes de febreiro de 2008, cando tivo lugar a Feira da Habana, Galicia exportou a Cuba en Industrias culturais produtos por valor de 17.000 euros. Esta cifra incluiría non só as exportacións de libros, senón tamén calquera outro intercambio comercial en cine, audiovisual ou artes escénicas.
Aínda admitindo que o custo total de participación de Galicia fose o facilitado pola Consellería, ?resultaría que Galicia gastou 1.300.000 euros para vender produtos por valor de 17.000?; é dicir, para exportar un euro a Cuba en industrias culturais a Consellería de Cultura gasta máis de 76 euros?, asevera López Chaves, que se amosa convencido de que ?o auténtico negocio foi para Cuba?.
Mentres tanto, tamén en febreiro pasado, Galicia importou de Cuba produtos culturais valorados en 217.000 euros, segundo datos do ICEX. Evidénciase así que, para Cuba, a Feira tivo un saldo positivo de 200.000, mentres que para Galicia supuxo unhas perdas de arredor de 2 millóns de euros.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias