14-05-2008
O conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, afirmou na Coruña que a Xunta busca o consenso para as áreas metropolitanas, e engadiu que xa se está ?comezando a falar na mesma linguaxe e a situar os problemas nun mesmo plano de importancia, e esas son as dúas perspectivas para chegar a acordos?.
O conselleiro lembrou que para esta primavera está prevista a proposta de directrices de ordenación do territorio, que será ?un primeiro documento? que fará unha análise das relacións entre estructuras territoriais no marco da planificación territorial, que son cuestións ?importantes? referidas ao fenómeno metropolitano.
No caso concreto da comarca da Coruña, do que se falou hai dous días nun ciclo organizado pola Universidade, Méndez Romeu dixo que a mobilidade é un asunto central debido aos problemas de accesibilidade entre o núcleo central e os demais concellos motivada polos desprazamentos cotiáns, por traballo, por ocio ou por servizos.
O conselleiro explicou que xa se pensou nisto, posto que ?a planificación dos usos do territorio está vencellada á mobilidade e á rede viaria?, e dixo que nese sentido está traballando a Consellería de Política Territorial, que é a que vai presentar o documento das directrices nas próximas semanas.
O conselleiro sinalou que se trata dun documento marco de ordenación e planificación do territorio que rexerá para planificacións sectoriais das distintas áreas da Xunta. Méndez suliñou que vai ser un traballo ?moi ambicioso? que será ?sometido a debate público?, razón pola cal ?non vai ser despachado con premura, senón que necesitará un debate a fondo?.
Preguntado pola proposta de construcción dunha sede de Xustiza no porto coruñés, o conselleiro lembrou que este proxecto está suxeito á desafectación das actuais instalacións, á aprobación do novo ordenamento portuario e á concesión do solo necesario. Méndez Romeu salientou que xa se está negociando e en contacto entre as distintas institucións, pero ?inda falta un tempo para erguer ese edificio?.
Entre tanto, o conselleiro anunciou unha solución provisional que vai permitir desconxestionar os actuais edificios da Audiencia e dos xulgados e dar solucións satisfactorias para xuíces, maxistrados, fiscais, procuradores e avogados.
Para iso, alugaranse instalacións en Matogrande, onde se van ubicar determinadas unidades xudiciais pactadas xa coa Audiencia e co xuíz decano. Méndez dixo que se trata dun ?acordo recente? e que ?é cuestión de semanas? poñelo en marcha.
A preguntas dos periodistas sobre a reforma do voto emigrante, Méndez Romeu declarou que acaba de producirse un acordo importante no Parlamento entre todas as forzas políticas e agora ten que ser tramitado. Hai que poñer en valor que se produzan consensos plenos na política e que ?teñen en si mesmos un gran valor? posto que ?son moi pouco frecuentes?, dixo.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias