19-06-2008
O alcalde do Porriño, o nacionalista Raúl Francés, subliñou a "capacidade de chegar a acordos" do Bloque Nacionalista Galego (BNG) ante a proposta do Partido Popular porriñés de formar un bipartito.
Francés, que goberna en minoría, explicou que a súa "obriga", como forza política máis votada, "é escoitar as propostas de todos os grupos da Corporación para conquerir o noso obxectivo final, que non é outro que o benestar dos veciños e veciñas do Porriño". "Desde o comezo da actual lexislatura, e conforme á nosa liña de actuación, seguimos tendendo a man aos diferentes grupos para alcanzar acordos de maioría que permitan continuar a liña de cambio iniciada", manifestou o rexedor porriñés.
Francés aclara que "celebra" que tanto PP, como PSOE e Independentes por Porriño (IP), "parezan modificar a súa atitude e estar dispostos a chegar a uns entendementos aos que nós evidentemente, nunca estivemos pechados".
Segundo confesou o alcalde da Vila do Louro, O BNG "está seguro da posibilidade de chegar a acordos beneficiosos para a cidadanía" que, ao seu xuizo, "agarda que O Porriño poda contar cunhas bases orzamentarias estábeis que permitan levar a cabo os proxectos que o vecindario demanda".
Francés concluíu a súa intervención remarcando que o BNG, como forza autónoma e con proxecto político propio, "non ten atadas as mans" cando se trata de buscar o "benestar social local e galego", e polo tanto, "garantiza a quen fai ofrecemento de diálogo na procura de acordos para garantir gobernabilidade, que o resultado das conversas que se produzan, e dos acordos aos que se poda chegar, estarán en función de que beneficien ao conxunto da cidadanía a quen servimos".
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias