O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou en O Porriño a importancia da posta en marcha do Sistema Galego de Benestar, unha rede de atención impulsada pola Vicepresidencia que cubre o ámbito dos servizos sociais e dá carácter público, transversal e en rede a estes servizos, "para convertelos no cuarto alicerce do Estado do Benestar". Durante a presentación do proxecto do centro de día da vila do Louro, Quintana asegurou que, en liña con este esforzo, o Goberno galego ten a vontade política de darlle a esta aposta un marco de lei, "porque o benestar dos galegos e das galegas non pode depender da vontade política dun vicepresidente ou dun Goberno, senón que debe quedar instalado por lei, para que sexa cal sexa o Goberno que teña Galiza esta rede pública non se veña abaixo". Neste senso, lembrou que dende a Vicepresidencia tense xa redactado a Lei Galega de Servizos Sociais, e adiantou que este texto entrará na Cámara galega nos próximos días para a súa tramitación parlamentaria. Quintana afirmou que a futura Lei "pretende que os servizos sociais deixen de ser algo asistencial e coxuntural para converterse nun dereito da xente". A nova norma vai asegurar ademais o carácter transversal dos servizos sociais en Galiza e establece un catálogo de servizos que será esixible como dereito por parte dos galegos e das galegas, asegurando así o seu benestar. Para iso, O vicepresidente explicou a Lei Galega de Servizos Sociais dótase de distintos instrumentos, como a tarxeta social galega, unha figura similar á actual tarxeta sanitaria, o expediente único e o profesional de referencia, o equivalente ao médico de cabeceira para os asuntos sociais, "de xeito que calquera cidadán terá unha atención persoal nun circuíto organizado". Así mesmo, fixo referencia ao criterio básico de financiamento que recolle o texto, polo cal todas as administracións teñen como criterio a seguir a necesidade de investir un mínimo dun 7% dos seus orzamentos en servizos sociais. "Isto non pode facerse só con palabras e en que mellor cousa podería investirse", apostillou ao respecto. Centro de Día do Porriño Quintana presentou o proxecto do centro de día do Porriño, un equipamento que se integra na Rede Galega de Centros de Día que impulsa a Vicepresidencia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e que Quintana considerou "un bo exemplo da construción do Sistema Galego de Benestar". A obra do centro de día do Porriño ten un orzamento de 829.000 euros e foi licitada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar dentro do Plan de Equipamentos para a Dependencia 2007-2010. As instalacións disporán dunha superficie de 780 metros cadrados, e contarán con 40 prazas de atención diúrna e un cadro de persoal de 9 traballadores, que se complementará coa prestación de servizos de psicoloxía, traballo e educación social, terapia ocupacional, fisioterapia e enfermería por parte de persoal dos servizos centrais. Ademais, contará con servizo de transporte adaptado para o traslado dos usuarios ao centro. O proxecto presentado polo vicepresidente distribúe o inmoble en dúas grandes áreas funcionais, a área de actividades e a zona de servizos. A primeira é un espazo configurado como unha zona polivalente deseñada para facilitar o seu emprego para usos diversos por parte dos usuarios e usuarias. Esta área inclúe a sala de estar e o comedor, con posibilidade de habilitar unha zona para a realización de actividades socioterapéuticas e de lecer. Así mesmo, consta de estancias para prestar servizos de atención con sala de curas, que funcionarán tamén para a consulta médica, e ximnasio para rehabilitación con aseos e vestiarios. Na área de servizos, sitúanse a administración, os despachos de dirección,e a salas de xuntas, e inclúe ademais espazos auxiliares para o funcionamento do centro (cuartos de limpeza, de instalacións, almacéns, vestiarios e aseos para persoal, lavandería, e cociña). Na súa intervención, o vicepresidente destacou a posta en marcha da Rede Galega de Centros de Día que se inscribe no Sistema Galego de Benestar que promove a Vicepresidencia. "A rede pública que está a levar a cabo a Vicepresidencia o que pretende é bailar os tempos para facerlle fronte á realidade e atender aos maiores e dependentes como merecen", explicou, e engadiu que "un goberno democrático é aquel que é capaz de protexer máis aos que máis protección necesitan, e hoxe máis que nunca é necesario facer un esforzo de atención aos maiores e dependentes". Mil novas prazas en residencias Quintana fixo tamén mención ao labor da Vicepresidencia na posta en marcha de novos recursos para maiores e dependentes, e citou como exemplo a creación de máis de 1.000 novas prazas en residencias. Malia isto, asegurou que a política de maiores non pode limitarse á creación de prazas residenciais, porque os maiores prefiren permanecer o maior tempo posible no seu contorno, e para isto faise necesaria a creación de servizos que permitan ás persoas manter a súa autonomía, como os centros de día, a axuda no fogar, ou o servizo de transporte adaptado. Quintana lembrou que ao comezo da lexislatura non había centros de día públicos en Galiza, polo que destacou o importante esforzo feito en pouco tempo neste camiño e a importancia que tivo a colaboración dos concellos. O vicepresidente apuntou que a día de hoxe xa están en funcionamento 15 centros de día dentro da Rede Galega de Centros de Día, aos que se sumarán á volta do verán outros 15. Ademais, explicou que se está traballando xa na construción doutros 12, entre eles o do Porriño, que comezarán a funcionar en 2009. Ao final da lexislatura, a Rede contará con 55 instalacións e máis de 2.000 prazas.