El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés

Cultura inicia o proceso de declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural

Os propietarios teñen un prazo de un mes para interpoñer alegacións

01-08-2008

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, han anunciado a incoación do proceso de declaración do Pazo de Meirás, ubicado en Sada (A Coruña), como Ben de Interese Cultural (BIC). O inmoble, pertencente aos herdeiros do ditador Francisco Franco, podería ser declarado BIC a finais de 2008, xa que "hai moito traballo adiantado", afirmou a conselleira. Coa incoación do procedemento iníciase tamén a aplicación do réxime de protección dos Bens de Interese Cultural, polo que os propietarios precisarían a autorización de Patrimonio para realizar calquera intervención ou modificación no edificio e están obrigados a coidar e preservar o inmoble. De ser declarado BIC, o Pazo abriríase ao público catro días ao mes, ao igual que sucede cos outros 22 pazos galegos xa protexidos, dos cales a metade son de propiedade particular, explicou Felipe Arias. O proceso de declaración do Pazo de Meirás como BIC incóase unha vez examinada toda a documentación bibliográfica e histórica recollida por Patrimonio nos últimos meses, e unha vez analizados os informes e reportaxes fotográficas realizados polos técnicos o pasado mes de abril. A Dirección Xeral de Patrimonio considera que as Torres de Meirás reúnen as condicións para obter o maior grao de protección pola súa "singularidade" e "significación cultural e simbólica". A resolución baséase en que se trata dunha edificación construída entre 1893 e 1907, cando a escritora Emilia Pardo Bazán, propietaria do pazo, "xa era unha grande escritora". Así, o Pazo foi "un punto de referencia na súa vida e obra", xa que alí pasaba longas tempadas, dispuña da súa biblioteca particular e xestou parte da súa obra, lembrou Bugallo. Patrimonio sinala tamén o "valor intrínseco das Torres de Meirás", polo seu estilo e calidade, xa que se trata dun "exemplo moi singular" da arquitectura de finais do século XIX e principios do XX, xa que se trata dun tipo de mansión señorial "caracterizada pola inspiración historicista de tendencia medievalizante e concretamente de estilo neorrománico". Asemade, salienta do resto do conxunto pacego, cunha capela de estilo neorrománico e diversas construcións anexas, tales como cruceiros, hórreos e brasóns que de por si xa teñen unha protección xenérica como BIC. O terceiro punto que se tivo en conta é o "valor paisaxístico" do enclave, xa que o Pazo está inmerso "nun frondoso parque" e conta cunha situación "estratéxica", próxima á costa. Proceso A Consellería de Cultura comezou o proceso de recollida de información sobre o Pazo de Meirás despois de que así llo solicitara o Concello de Sada nun acordo plenario de agosto de 2007. Tras compilar información a acceder cunha autorización xudicial ao Pazo para analizar 'in situ' a arquitectura interior do edificio, os bens susceptibles de seren considerados patrimonio cultural e o estado de conservación do conxunto, valorouse a posibilidade de concederlle ao inmoble o grao máximo de protección patrimonial. A familia Franco e o Concello de Sada foron informados este venres da resolución da Dirección Xeral de Patrimonio. O departamento pediralle informes aos tres organismos consultivos previstos na lei 8/1995: a Universidade de Santiago, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e o Consello da Cultura Galega. Dende a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e no prazo dun mes, os interesados poderán examinar o expediente na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e interpoñer as súas alegacións. Unha vez resoltas as alegacións, Patrimonio continuará co proceso de incoación do Pazo de Meirás como BIC, que podería finalizar a finais deste ano.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias