Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2009
Sr. D. Benigno Sánchez García
Director Xeral da CRTVG
Estimado Director:
En relación coa carta remitida por vostede con esta mesma data relativa á celebración de debates electorais, quero transmitirlle o seguinte:
En primeiro lugar, lamento que teña que ser un Director Xeral do Goberno quen, en nome do Presidente da Xunta, dea resposta negativa á reiterada proposta de celebrar debates “cara a cara”, e non o sr. Touriño directamente. Probablemente isto non ocorrería se o Director Xeral da CRTVG fose elixido por maioría cualificada do Parlamento, compromiso que Alberto Núñez Feijóo acometerá nos tres primeiros meses de lexislatura en caso de ser elixido Presidente.
Neste senso, quero aproveitar esta ocasión para lembrarlle que a Xunta Electoral de Galicia acumula xa 6 pronunciamentos consecutivos nos que acredita o incumprimento por parte da CRTVG dos principios de neutralidade e proporcionalidade en claro prexuízo dos intereses do PPdeG.
En segundo lugar, reitérolle o que xa lle dixen na miña carta de 16 de febreiro, en relación coa falla de resposta do PSdeG-PSOE á oferta de debate “cara a cara” formulada xa en dúas ocasións pola cadea Antena 3, oferta que ten sido aceptada polo noso partido.
Quero así mesmo lembrarlle que é rotundamente falso que o plan de cobertura da CRTVG imposibilita a celebración de debates “cara a cara” entre os candidatos, posto que este plan é unha mera previsión que pode ser adaptada ao longo da campaña electoral, como xa ten ocorrido en anteriores procesos electorais.
En todo caso, insístolle unha vez máis en que a postura do PPdeG non ten variado en absoluto: manifestamos a nosa plena disposición a participar nos debates que permitan a cidadanía galega confrontar plenamente as propostas dos candidatos e non podemos admitir, por tanto, as limitacións inxustificadas impostas pola TVG á oportunidade de debater “cara a cara” entre os candidatos.
En consecuencia, cómpre entender que se o debate que vostede propón non segue adiante é pola negativa dos outros dous candidatos a debater entre eles, o que deixa en evidencia a verdadeira intención da CRTVG (e en consecuencia, da Xunta de Galicia) neste asunto: enfrontar ao Presidente e ao Vicepresidente dunha mesma opción de Goberno co candidato do PPdeG.
Unha vez acreditado que os dous candidatos do Bipartito non queren debater entre eles, e entendendo que alomenos admitirán a celebración de dous debates “cara a cara” en igualdade de condicións co candidato do PPdeG, suxerímoslle o aprazamento do debate que vostede propón á espera da resposta dos candidatos do PSdeG-PSOE e do BNG, pola que a día de hoxe aínda seguimos agardando.
Agardando as súas novas, reciba un cordial sáudo.
Alfonso Rueda Valenzuela
Secretario Xeral do PPdeG