El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Cartas al Director

ENTREVISTA

Feijóo: "Espero non atoparme con ningunha sorpresa desagradable na Xunta"

16-03-2009 11:32:39

Capaz de recoller a triloxía de principios de «liberdade, igualdade e fraternidade» da Revolución Francesa e aplicalos á cuestión lingüística, o futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo prevé tomar posesión do seu cargo a mediados de abril aínda que non agocha o seu interese por iniciar canto antes o traspaso de poderes. «Quero respostar ás demandas de empresas e axentes sociais», insiste pese ás duras críticas coas que o xefe do Executivo galego en funcións, Emilio Pérez Touriño, castigou a pasada semana as súas présas.
 
Pero Feijóo prefire ignorar as polémicas, que non foron poucas nestas dúas semanas, e centrarse no seu proxecto. «O único que me preocupa é acertar», recoñece nunha longa conversa en Vigo con AGN pouco antes de coller un avión para iniciar unha viaxe ‘de partido’ a Arxentina e Uruguay.

- Xa parou de recibir chamadas e mensaxes de felicitación?

- Aínda me seguen chegando doutras zonas de España porque a nosa victoria saiu de Galicia e extendeuse ós máis de 10 millóns de españois que votaron ó PP nas últimas eleccións xerais.

- Houbo algún que lle fixera unha especial ilusión?

- Agradecín moito a chamada da Súa Maxestade O Rei. Tamén as felicitacións do presidente nacional do PP, Mariano Rajoy e de Manuel Fraga, que xa pode volver a sentirse satisfeito co seu partido en Galicia.

- O domingo electoral o seu semblante lucía máis preocupación ca felicidade. Por que?

- Era unha expresión de xúbilo contido. A oportuna. Non estábamos celebrando unha victoria futbolistica senón unha alternancia democrática e, polo tanto, a responsabilidade que supón gobernar o noso país nun momento crítico.

- Saíronlle amigos de debaixo das pedras?

- É certo que houbo chamadas de xente que antes chamaba menos, pero a estas alturas da vida un sabe diferenciar entre amigos, compañeiros e coñecidos.

- Supoño que xa estará ás voltas cos nomes dos futuros conselleiros.

- Imos tomar uns días de reflexión para ver cales son os mellores homes e mulleres para o futuro Goberno, que darei a coñecer no momento oportuno.

- Non quere falar de nomes pero si terá decidido o perfil do seu Executivo. Será técnico ou político?

- Creo firmemente que a forma é unha garantía. Non sería responsable empezar agora a filtrar ou a facer comentarios sobre o tema. É o contrario do que espera Galicia. Iso sí, podo avanzar que porei a xente tanto nos primeiros como nos segundos niveis que teñan experiencia contrastada na xestión pública ou privada. En época de crise, non poden entrar na Xunta persoas que ó mellor teñen formación pero que nunca xestionaron recursos.

- Sendo a experiencia xestora a clave para entrar na Xunta, vai recuperar algunha cara do ‘fraguismo’?

- É certo que hai persoas de fai catro anos, nos niveis de director e secretario xeral, que teñen unha currícula e unha experiencia contrastada, pero non é momento de cábalas. O que teño claro é que imos sacar a maior rendibilidade de cada euro público.

- Fará falta xente capaz para dirixir algunhas das futuras ‘superconsellerías’. A redución non é gratuita.

- As consellerías teñen que ser potentes e non concellerías grandes. Na futura Xunta haberá departamentos fortes pero coordinados.

- Dirixidos por conselleiros que non van ser diputados.

- Efectivamente. Teremos un Goberno cativo e con moitas responsabilidades. Iso esixe unha dedicación exclusiva. Vexo moito máis eficiente que os conselleiros se queden na Xunta para gobernar a que teñan que ir catro ou cinco días a votar ao Parlamento. Deixemos que o Lexislativo lexisle e o Executivo goberne.

- O seu Goberno será paritario?

- A igualdade real entre homes e mulleres non depende de cremalleiras nin de porcentaxes. No meu goberno estarán os mellores.

- En todo caso, terá que cumprir a Lei do Traballo en Igualdade.

- Cumprirei todas as leis porque son un firme defensor das mesmas. Poden ser máis ou menos felices, pero mentras sexan leis son para cumprir.
 
CRISIS

- Ten marxe de manobra a Xunta para superar a crise?

- E evidente que a Xunta non ten marxe de manobra total. Nin sequera a ten a nación española. Pero Galicia ten un orzamento de 12.000 millóns de euros.
 
- Que vostede non apoiou. Ademais, o Goberno en funcións aínda pode comprometer diñeiro público. Agarda sorpresas desagradables?

- Non quero prexulgar e espero non atoparme con ningunha sorpresa desagradable na Xunta.

- PSdeG e BNG acusaron ó anterior Executivo do PP de terse extralimitado no seu período en funcións. Teme o revanchismo?

- En 2005, eu deixei sen contratar grandes infraestructuras pese a que xa estaban licitadas. Esa foi a miña pauta de actuación. En todo caso, non se poden comparar ambas situacións. Fai catro anos, PSdeG e BNG estiveron negociando durante un mes como repartían a Xunta e o PP non tiña un interlocutor porque non había un liderazgo claro. Esto mudou completamente. Máis alá, sería dobremente irresponsable volver a repetir os erros de fai catro anos, se os houbo.

- Vai aforrar cartos Galica coa súa decisión de vender o Audi de Touriño e mercar un Citroën que se fabrica en Francia?

- Lle aseguro que si. Pero a verdadeira austeridade non empeza pola venda do Audi senón pola redución do tamaño do Goberno.

- Anunciou que derogará o decreto de galeguización no ensino e que o Consorcio da Igualdade e do Benestar non o convence como modelo de xestión dos servizos sociais. Aínda non é presidente oficial e xa se evidencia malestar.

- Non fomos elixidos para facer o que nos digan algúns, senón o que nos diga a maioría.

- Pero vai bater un récord. Non tomou posesión do seu cargo e xa tivo unha manifestación dos traballadores do Consorcio. Sen contar que a Mesa pola Normalización Lingüística xa ameazou con medidas semellantes.

- Esas manifestacións coméntanse por si soas. O que ocorre é que neste momento hai dous partidos que aínda non están facendo oposición e hai sindicatos que están collendo ese rol. O do Consorcio é un claro conflito sindical e teremos que ver como o resolvemos. Pero hai que recoñecer que é moi raro ver unha concentración en contra dalguén que non está gobernando.

- Anunciou que o Plan do Litoral estará listo antes de que remate o 2009, pero non dixo que vai facer coa prohibición de construir a 500 metros do mar. Teme ofender aos construtores se a prorroga?

- Eu non temo ós construtores nin ós promotores. Só me preocupa acertar nas miñas decisións. Insisto na importancia das formas. Primeiro debemos tomar posesión e unha vez que o faga consultarei co futuro responsable de Política Territorial. Se non precisara destas consultas non necesitaría un Goberno. E por suposto, Galicia precisa un Executivo que se vai encargar de ordenar o litoral e frenar o seu bloqueo e indefinición.

- Agora que xa é presidente electo da Xunta, pensa casar e darlle outra alegría a Manuel Fraga?

- A Galicia gústalle como son. O único que me preocupa agora é loitar contra a crise económica e contra o paro. En todo caso (bromea), calquera noticia que haxa, serei o primeiro en transmitila.

- Non lle gusta falar da súa vida privada pero nesta campaña saiu á luz pública a súa noiva. Parte do electorado que apoia ao PP podería non ver con bos ollos que viva en parella na residencia oficial do presidente da Xunta.

- A vida privada, privada é. Os galegos son moi tolerantes e a comunidade ten problemas bastante máis serios. Por iso, a miña responsabilidade é pronunciarme sobre todos os asuntos públicos e ser respectuoso conmigo mesmo e coa miña vida privada.

- En todo caso, ten claro xa se vai vivir na residencia de Monte Pío?

- Canta máis información teño, son un pouco máis consciente de que é moi difícil que o presidente da Xunta non viva en Monte Pío. Unha cousa é o que me gustaría e outra o que debo facer. Iso si, non vou renunciar a pasar algúns días ou algunha fin de semana á miña casa e poder durmir na miña cama.

- Teña coidado coa erótica do poder e co síndrome de Monte Pío.

- Prometo ter coidado con todo. Pero insisto, o que máis me preocupa neste momento é acertar, ter bo tino coas miñas decisións e intentar dignificar as institucións galegas. Por traballo non vai quedar.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




NOTICIAS RELACIONADAS