Guillerme Vázquez, o novo portavoz nacional do BNG pediu políticas defenitivamente comprometidas co sector lácteo. Asegurou que os gandeiros galegos están condenados debido ás políticas agrarias levadas a cabo pola Unión Europea e secundadas polo goberno español.
Considerou que o Estado español debe expor medidas que promovan unha Europa equilibrada territorialmente e non continuar facendo unha política de ''parches''.
Guillerme Vázquez, nunha entrevista concedida a Telelugo, asumiu que a crise do sector lácteo é un problema imposible de resolver polas institucións autónomicas. ''A Comunidade Autónoma pode facer o posible e o imposible para apoiar ao sector, pero non pode cambiar as políticas marcadas desde a UE''.
Ademais tachou de hipócrita o actual liberalismo económico que, en teoría, rexe o panorama ecónomico actual. ''É posible dar miles de millóns á banca, responsable ademais da crise actual, pero é imposible dar diñeiro ao sector lácteo. Iso non, porque o impide o libre mercado.''
Cuestión de lingua
Preguntado pola polémica suscitada pola cuestión lingüística en relación ás medidas anunciadas polo goberno de Feijóo, Guillerme Vázquez asegurou que o presidente da Xunta parece disposto a provocar que o castelán se impoña definitivamente sobre o galego.
O portavoz do BNG asegurou que a polémica se trata de algo serio, ''cando a Real Academia Galega ten que saír a pronunciarse é que algo pasa''. Incidiu en que toda a polémica xerada pola suposta imposición do galego ''é unha falacia que non se corresponde coa realidade. A realidade é que o galego perde posicións día a día, mentres o castelán avanza''.
O nacionalista cre que se hai algún idioma que necesite amparo instiucional é o galego, e non o castelán, sobre o que os cidadáns ''teñen deberes e obrigacións legais''. Os problemas actuais co galego ''veñen dicir que hai un idioma de primeira e outro de segunda''.
A nova cara do BNG
Guillerme Vázquez, que saíu elixido portavoz da executiva do BNG o pasado domingo na Asemblea Nacional do partido, recoñeceu posibles fallos da súa organización na anterior lexislatura, pero considerou que o papel desempeñado foi politicamente eficaz. ''En toda obra de goberno, como en toda obra humana, hai acertos e erros, pero nós facemos un balance moi positivo do goberno''.
Asegurou que a política que vai levar a cabo o BNG a partir de agora non cambiará demasiado con respecto ao que veñen predicando historicamente, pero di que a súa principal misión será a de recuperar a confianza da sociedade e do electorado. ''Somos a oposición por decisión do pobo galego, temos a humildade de saber que somos a terceira forza política pero temos a intención de ofrecer unha alternativa seria e rigorosa ao PP''.
Guillerme Vázquez declarouse incapacitado para criticar as medidas políticas tomadas polo goberno de Feijóo con respecto á crise económica. ''Merécenme pouca opinión porque ata agora non se tomaron ningunhas medidas, non teño maior cualificación''.
Con respecto ás medidas de austeridade do presidente da Xunta, o nacionalista considerou que se trata máis de propaganda que de austeridade. ''Todo isto xa soa a antigo. Na época de Fraga tamén había austeridade, era case un anacoreta este señor''.