El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

LINGUA

Os concellos de seis cidades galegas piden que se dedique o vindeiro Día das Letras Galegas a Carvalho Calero

17-06-2009 19:19:39

Na casa do Concello de Santiago, tivo lugar un encontro entre os representantes das concellarías de Cultura das cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo, do que saíu un acordo asinado para propoñer a candidatura de Ricardo Carvalho Calero como homenaxeado na celebración das letras galegas do ano 2010.

O acto foi presidido pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais de Santiago de Compostela, Soco García Conde, que salientou a necesidade de recoñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero, que, case 20 anos despois do seu pasamento, aínda non recibiu o seu merecido recoñecemento. Segundo indicou a edil nacionalista, "a homenaxe sería especialmente acaída no ano 2010, ao cumprirse o centenario do seu nacemento".

TRAXECTORIA

Carvalho Calero conta cunha das máis completas e extensas traxectorias vitais en defensa da cultura galega, converténdose nun dos persoeiros fundamentais no campo da literatura e a lingua galegas. No seu labor literario, destaca fundamentalmente como poeta, constituíndo todo un referente para a xeración de poetas dos 80, década na que publica obras destacadas como 'Pretérito Imperfeito', 'Futuro condicional', 'Cantigas de Amigo' e 'Outros Poemas ou Reticências'. Como narrador, obtivo o Premio da Crítica pola súa novela 'Scórpio', considerada por moitos como a mellor escrita en galego. Tamén escribe varias pezas dramáticas recollidas no seu 'Teatro Completo', e posúe unha extensa produción como crítico.

Mais a relevancia da súa figura transcende o eido da produción literaria, destacando o seu compromiso pola defensa da lingua e a literatura propias, a través dos seus estudos e posicionamento ideolóxico. Entre os seus méritos atópase ser cofundador da Editorial Galaxia, onde publica a primeira obra narrativa en galego na posguerra.

Membro de honra da Associaçom Galega da Língua e da Asociación de Escritores da Lingua Galega, e membro ordinario da Real Academia Galega e da Academia das Ciências de Lisboa, Ricardo Cavalho Calero foi unha figura clave para entender a investigación lingüística e literaria galega.

Asemade, Carvalho foi defensor das teses reintegracionistas, feito polo que comezou a ser marxinado nos últimos anos da súa vida. Mantivo sempre a súa postura en favor da lingua galega con carácter internacional, non afastada do seu tronco orixinario, defendendo unha ortografía etimolóxica para o galego.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias