Xan Carlos Ansia, portavoz da plataforma "Cultura si, Mausoleo non", pedíulle ao conselleiro de Cultura, Roberto Varela, que permita o acceso libre e gratuito a todos os cidadáns interesados en coñecer o estado das obras iniciadas no ano 2001 e cun coste de mais de 400 millóns do erario público galego.
En opinión de Ansia, son "demasiados anos de oscurantismo e clandestinidade dunhas obras e dunhas instalacións das que se descoñece por completo o seu estado, o seu destino e a súa viabilidade". Segundo o portavoz da plataforma, o acceso libre e gratuito ás obras é un "dereito que se nos debe aos cidadáns galegos que levamos anos costeando cos nosos impostos unhas obras e edificios, dos que descoñecemos como se levan invertido".
'Cultura si, Mausoleo non' pide un "cambio radical" nos contidos dos edificios do Monte Gaiás, para adicalos a cubrir necesidades básicas de infraestructuras deficitarias en Galicia, como a sanidade, o benestar social e a investigación.