O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e a alcaldesa de Cangas, Clara Millán, asinaron un convenio de colaboración no que se subvenciona con 30.000 euros á XXVI Mostra Internacional de Teatro de Cangas celebrada no pasado mes de xullo. Varela sinalou que "unha das función de calquera goberno é apoiar este tipo de manifestacións artísticas porque teñen un compoñente internacional e de autoestima moi importante". Xunto a isto, o conselleiro aproveitou para recordar a familia Franco a "obriga" que ten para abrir o Pazo de Meirás e anunciou "sancións" se isto non se produce.
Ante a pregunta de se vai haber algunha novidade sobre a apertura ao público do Pazo de Meirás, Roberto Varela sinalou que "nós faremos o que diga a lei, e a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza xa rechazou o recurso, polo tanto a familia Franco ten a obriga de abrir o Pazo". A isto engadiu que "se non fixeran esa apertura teríamos que proceder a sancións, e imos estar encima para que se cumpla esta sentencia".
Tamén recordou que, independentemente de que exista un recurso no Tribunal Supremo en Madrid polo nomeamento de BIC, "vaise aplicar a mesma normativa que se ten que aplicar a todos os bens que foron declarados de interese cultural, nós non o podemos abrir porque é unha propiedade privada e eles teñen a obriga de facelo".
Pola súa parte, a alcaldesa de Cangas agradeceu ao conselleiro o esforzo da Administración e á directora da Mostra de Teatro, Che Mariño, o seu "impulso" a esta iniciativa para que sexa recoñecida "xa que é un traballo de todo un ano". Varela fixo fincapé en que "a escena galega está moi ben situada", aínda que matizou que "penso que estas iniciativas necesitan axuda por parte das institucións públicas e que precisamente polo seu contenido non se poden facer".
POLÉMICA POLA SUBVENCIÓN Á FUNDACIÓN DE ROSALÍA MERA
Varela quixo deixar claro que "non se poden enmarcar no contexto de axudas a Rosalía Mera, senón que son axudas á Fundación Paideia que entre outros proxectos ten o estudio de gravación Mans". Así, o conselleiro explicou a necesidade de financiar a gravación de bandas sonoras en Galicia para que non marchen fóra onde os custes de traballo poidan ser menores, polo que a "Xunta o que fai é pagar a diferencia entre gravar nun país do Este e facelo na Coruña".
Xunto a isto, incidiu no feito de que "non é que lle esteamos dando cartos a unha señora que é multimillonaria", senón que "estamos dando cartos a unha fundación que ten como obxectivo as persoas con discapacidade psíquica". Varela resaltou que el mesmo visitou o centro que a fundación ten de deseño gráfico, sobre o cal expresou que "emocionoume moitísimo ver á xente traballando alí". Ademais sinalou que "o importante é que fan un traballo social moi importante no mundo do empleo".
"RACIONALIZACIÓN" DE AXUDAS
Xunto a isto recordou que é necesario "racionalizar" as axudas, xa que o "presuposto de cultura vaise ver reducido "porque estamos nun momento de austeridade". Aínda que amosou a súa vontade de que "os pequenos proxectos non vaian quedar fóra", senón que se primarán "proxectos que teñan interese para Galicia e que entren na política cultural da Consellería".
En canto o reclamo feito desde sectores da intelectualidade galega sobre a necesidade de organizar este ano a Feira de Industrias Culturais, Cultur.gal, Varela descartou definitivamente a participación da Consellería de Cultura nela "porque non temos orzamento reservado para ese acontecemento, o que non significa que nun futuro non se poida facer".